As Pedras Galladas presenta en Culleredo un ensaio de Manuel Monge sobre a herdanza do franquismo

ACoruñaXa
O sociólogo e historiador coruñés dará a coñecer este mércores 'Usted debería saber. La historia secuestrada de la monarquía. 90 años con Franco', un libro que revisa a continuidade de estruturas e figuras do réxime durante a Transición
CULLEREDO libro usted deberia saber
3 Nov 2026

O colectivo As Pedras Galladas organiza este mércores, 4 de novembro, en Culleredo a presentación do novo ensaio do sociólogo e historiador coruñés Manuel Monge, titulado 'Usted debería saber. La historia secuestrada de la monarquía. 90 años con Franco', publicado por Edicións Laiovento en 2026. O encontro comezará ás 19.30 horas na sala de vídeo dos Servizos Múltiples, no Burgo, e terá entrada libre.

A obra propón unha revisión crítica da relación entre a ditadura franquista, a Transición e a orixe da monarquía actual. No prólogo, o propio autor define o libro como un «panfleto pedagóxico», concibido para intervir no debate público e non limitarse a explicar o pasado. A súa tese parte de que a democracia española non xurdiu dunha ruptura completa co franquismo, senón dunha Transición condicionada por estruturas e persoas procedentes do réxime.

Ao longo do ensaio, Monge aborda a represión durante a ditadura, a traxectoria política de figuras que sobreviviron ao franquismo e o papel de Franco na orixe da monarquía. O libro reúne datos e documentación cos que o autor propón revisar o relato dominante sobre aquel período e as súas consecuencias.

Manuel Monge é mestre, sociólogo e historiador, e foi presidente da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña. A súa traxectoria está vinculada ao movemento memorialista galego. Viviu a ditadura en primeira persoa e foi preso político, unha experiencia que marcou o seu compromiso coa defensa e divulgación da memoria democrática.

A presentación está organizada por As Pedras Galladas, un colectivo nacido en Culleredo que promove a participación veciñal, o intercambio de inquedanzas e a construción de espazos de encontro e acción comunitaria.

0.14702582359314