As obras na Praia Grande de Miño comezan a súa recta final

ACoruñaXa
Esta semana iniciáronse os traballos para executar o novo acabado do firme do paseo peonil perimetral
Imaxe das obras na Praia Grande de Miño
23 Maio 2024

O Concello de Miño informa de que as obras de rexeneración da praia Grande de Miño avanzan a bo ritmo e van cumprindo todos os prazos para que o areal, un dos principais atractivos turísticos do municipio estea totalmente operativo e en perfectas condicións para encarar a tempada de verán.

O alcalde de Miño, Manuel Vázquez Faraldo, e outros membros do goberno local, acompañaron ao xefe da Demarcación de Costas, Carlos Gil, na súa visita para comprobar o correcto desenvolvemento dos traballos, impulsados polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e Reto Demográfico. O Goberno de España destina 1.720.506 euros para financiar esta obra que busca, por unha banda a recuperación e rexeneración deste espazo, así como a protección do ecosistema dunar con pasarelas de acceso, evitando a súa degradación.

A actuación xa se atopa nas súas últimas fases. Esta semana iniciáronse os traballos para executar o novo acabado do firme do paseo peonil perimetral, que será de jabre-cemento. Previamente levouse a cabo: a integración do terreo do antigo campo de fútbol na marisma, a instalación dun novo itinerario accesible cara ao posto de socorrismo e a eliminación das plantas invasoras que prexudicaban ao ecosistema dunar.

Este bo grao de execución, cumprindo cos prazos previstos, practicamente garante que o areal estará dispoñible para o comezo da tempada de verán, unha vez completada a recuperación ambiental de todo o espazo e a mellora da accesibilidade en todas as zonas do areal.

0.2178328037262