As obras na DP-0105 reordenan o tráfico en Cortiñán para gañar seguridade peonil

ACoruñaXa
A Deputación inviste case 214.000 euros na mellora dos primeiros 260 metros da estrada provincial entre Cortiñán e Vilacoba, en Bergondo
DEPU CORU obras bergondo cortiñan
1 May 2026

A Deputación da Coruña iniciou as obras de mellora da seguridade viaria no tramo inicial da estrada provincial DP-0105, entre Cortiñán e Vilacoba, no municipio de Bergondo. A actuación céntrase nos primeiros 260 metros do vial, no núcleo de Cortiñán, unha zona condicionada pola estreiteza da calzada e pola proximidade de numerosas vivendas.

O proxecto conta cun investimento de 213.972,24 euros e un prazo de execución estimado de catro meses. A principal novidade será a implantación dun único sentido de circulación no tramo afectado, unha medida coa que se busca reducir a presión do tráfico na zona e derivar boa parte dos vehículos cara ao ramal que conecta coa estrada nacional N-VI.

Este cambio permitirá gañar espazo para os peóns e ampliar as beirarrúas, que ata agora resultaban estreitas ou pouco accesibles nalgúns puntos. A intervención afectará á rúa Leopoldo Alas Clarín e pretende transformar a contorna nun espazo máis cómodo e seguro para a veciñanza.

As obras inclúen a renovación integral do espazo público. Ademais da construción das novas beirarrúas, retirarase o pavimento deteriorado e estenderase unha nova capa de asfalto en todo o tramo. Tamén se instalará nova sinalización e realizarase a plantación de árbores para mellorar a imaxe da vía e incorporar máis elementos verdes ao percorrido.

O proxecto foi planificado para reducir as molestias nos centros escolares da contorna e no transporte escolar, co obxectivo de que a actividade diaria da zona se vexa afectada o menos posible durante o desenvolvemento dos traballos.

A deputada de Vías e Obras, Mónica Rodríguez, sinalou que a actuación supón un avance na seguridade das persoas que viven ou transitan a diario por esta zona. A responsable provincial destacou que a redución da circulación a un único sentido permitirá acadar un tráfico máis calmado e mellorar a calidade de vida dos residentes.

Desde o goberno local de Bergondo tamén valoran a intervención como unha mellora da seguridade e da mobilidade peonil en Cortiñán. O executivo municipal confía en que as novas beirarrúas e a reordenación da circulación contribúan tamén a reducir o paso de tráfico pesado polo núcleo.

0.1165668964386