As obras de urbanización entre Antonio Ríos e Cerca entran na súa recta final

O Concello da Coruña atópase na fase final das obras de urbanización dun antigo soar situado entre as rúas Antonio Ríos e Cerca, no barrio do Castrillón, unha intervención incluída no Plan de barrios 2025-2027 que busca mellorar a accesibilidade e a mobilidade peonil na zona.
Os traballos, xa moi avanzados, permitiron transformar este espazo sen acondicionar nunha nova área de lecer, ao tempo que se crearon percorridos peonís que facilitan a conexión entre as dúas rúas e melloran os desprazamentos a pé nunha contorna na que existían dificultades de tránsito. A actuación incluíu tamén a execución de novas beirarrúas, un tramo de escaleiras e a reordenación dos cruces e pasos de peóns próximos.
Segundo destacou a alcaldesa, Inés Rey, trátase dunha intervención que responde a unha demanda veciñal histórica e que permitiu recuperar un espazo que presentaba problemas de insalubridade. A rexedora subliñou ademais que o proxecto non só contempla a urbanización da parcela, senón tamén a súa transformación en zona verde con arborado e espazos axardinados.
Rey puxo o foco en que este tipo de actuacións forman parte da estratexia municipal de mellora dos barrios, máis alá dos grandes proxectos urbanos, e insistiu en que o obxectivo é mellorar a calidade de vida da veciñanza atendendo ás necesidades cotiás de cada zona. Tamén agradeceu a comprensión dos residentes durante o desenvolvemento das obras.
En paralelo á finalización destes traballos, o Concello anunciou a modificación dos sentidos de circulación no rueiro do entorno. Estes cambios, que entrarán en vigor o martes 16, afectarán ás rúas Antonio Ríos —no tramo entre Alcalde Casares Teijeiro e Castrillón— e Cerca, tras unha análise dos fluxos de tráfico e das demandas veciñais.
O obxectivo desta reordenación viaria é mellorar a seguridade e a funcionalidade da circulación na zona, adaptando o tráfico á nova configuración urbana resultante da intervención no soar.