As obras de San Andrés arrincan a súa fase final co formigonado entre a rúa Nova e Pórtico

ACoruñaXa
Dende este luns, pecharase o cruce con Pórtico e estableceranse desvíos temporais; prevese a apertura gradual ao tránsito peonil en poucas semanas
Imaxe da rúa San Andrés na Coruña
4 Nov 2024

O Concello da Coruña entra na recta final das obras de reurbanización de San Andrés, onde a partir do próximo luns iniciará a formigonaxe do tramo entre a rúa Nova e o cruce con Pórtico. A fase final inclúe a canalización de servizos no cruzamento con Pórtico, que quedará temporalmente pechado ao tráfico rodado, mentres se habilitan desvíos para garantir o acceso a dúas garaxes e a zonas de carga e descarga.

O concelleiro de Economía e Proxectos Estratéxicos, José Manuel Lage, destacou que os traballos neste tramo estarán rematados nas vindeiras semanas, dependendo da climatoloxía. Paralelamente, instalaranse máis de 50 farolas con tecnoloxía LED, e comezarán a chegar as primeiras moreiras de Valdeorras, variedade sen froito, para configurar San Andrés como un bulevar peonil.

“A veciñanza poderá ver a configuración final de San Andrés ao completar a formigonaxe e, unha vez terminados os tramos, procederemos á apertura parcial para o tránsito peonil,” explicou Lage.

Durante o peche temporal do cruce con Pórtico, o Concello adaptará o acceso aos servizos. As zonas de carga e descarga, habitualmente accesibles desde Álvaro Cebreiro, agora terán saída pola rúa Olmos no horario habitual de seis a once da mañá. Ademais, os usuarios de dúas garaxes afectados poderán acceder pola rúa Sol e saír pola Estreita de San Andrés, empregando un percorrido temporal por Orzán, Pórtico, Boquete de San Andrés e Sol.

A reforma de San Andrés, cun investimento de 3,2 millóns de euros e prevista para finalizar en febreiro de 2025, é un compromiso do goberno de Inés Rey para dinamizar o comercio e mellorar o carácter peonil da rúa, avanzando segundo os prazos establecidos.

0.15446281433105