As obras de modernización do Mercado de Curtis avanzan a bo ritmo

ACoruñaXa
O alcalde asegurou durante a visita a súa satisfacción polo ritmo dunhas obras que, como indica “permitirán a celebración do mercado de verduras ao aire libre a resgardo das inclemencias do tempo"
Imaxe das obras do Mercado de Curtis
Imaxe das obras do Mercado de Curtis
18 abr 2024

As obras do proxecto de modernización do Mercado de Curtis avanzan a bo ritmo. Así o comprobou este xoves, 18 de abril o alcalde do Concello de Curtis, Javier Caínzos, acompañado polo concelleiro de Obras, Emilio Souto. Unhas actuacións subvencionadas por resolución da Secretaría do Estado de Comercio, en base á liña de axudas para o apoio da actividade comercial en zonas rurais, do ano 2022, no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia-Financiado pola Unión Europea-Next Generation EU.

Máis en concreto, o alcalde visitou as obras de instalación da cuberta do recinto feiral de Curtis, unha das sete actuacións contempladas dentro deste proxecto. O alcalde asegurou durante a visita a súa satisfacción polo ritmo dunhas obras que, como indica “permitirán a celebración do mercado de verduras ao aire libre a resgardo das inclemencias do tempo”.

Doutra banda, o rexedor confirmou que xa se efectuou a instalación de pantallas dixitais no recinto feiral do mesmo xeito que a señalética e que a campaña de animación comercial e publicitaria está en proceso, do mesmo xeito que o emprazamento da illa de residuos e a creación de bolsas reutilizables. Á súa vez, a formación a vendedores tamén se atopa en proceso.

Todas estas actuacións contémplanse dirixidas á transformación dixital, transformación do punto de venda, sustentabilidade, economía circular e formación, entre outros cun custo total de 296.939 euros sendo a subvención recibida de 237.551,20 euros.