As obras de modernización do Mercado de Curtis avanzan a bo ritmo
As obras do proxecto de modernización do Mercado de Curtis avanzan a bo ritmo. Así o comprobou este xoves, 18 de abril o alcalde do Concello de Curtis, Javier Caínzos, acompañado polo concelleiro de Obras, Emilio Souto. Unhas actuacións subvencionadas por resolución da Secretaría do Estado de Comercio, en base á liña de axudas para o apoio da actividade comercial en zonas rurais, do ano 2022, no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia-Financiado pola Unión Europea-Next Generation EU.
Máis en concreto, o alcalde visitou as obras de instalación da cuberta do recinto feiral de Curtis, unha das sete actuacións contempladas dentro deste proxecto. O alcalde asegurou durante a visita a súa satisfacción polo ritmo dunhas obras que, como indica “permitirán a celebración do mercado de verduras ao aire libre a resgardo das inclemencias do tempo”.
Doutra banda, o rexedor confirmou que xa se efectuou a instalación de pantallas dixitais no recinto feiral do mesmo xeito que a señalética e que a campaña de animación comercial e publicitaria está en proceso, do mesmo xeito que o emprazamento da illa de residuos e a creación de bolsas reutilizables. Á súa vez, a formación a vendedores tamén se atopa en proceso.
Todas estas actuacións contémplanse dirixidas á transformación dixital, transformación do punto de venda, sustentabilidade, economía circular e formación, entre outros cun custo total de 296.939 euros sendo a subvención recibida de 237.551,20 euros.