As obras contra as inundacións chegan a A Brea, en Guísamo

O Concello de Bergondo iniciou as obras de mellora da rede de pluviais en A Brea, na parroquia de Guísamo, co obxectivo de poñer fin aos problemas de inundacións que sofren varias vivendas da zona durante os episodios de chuvias intensas.
A actuación responde a unha demanda veciñal e busca corrixir unha situación que se viña repetindo nos días de precipitacións abundantes, cando a acumulación de auga no punto máis baixo da rúa provocaba afeccións nas edificacións próximas.
O proxecto conta cun investimento de 22.381,78 euros e contempla a construción dun novo colector de pluviais para recoller de maneira máis eficiente a escorrentía superficial. A intervención incluirá tamén a instalación de varios sumidoiros distribuídos de forma estratéxica para evitar que a auga se concentre nun único punto.
Ademais de reducir o risco de entrada de auga nas vivendas, a nova infraestrutura funcionará como elemento regulador da rede de augas residuais. Con iso, o Concello pretende evitar os desbordamentos que ata agora afectaban tanto á N-VI como ás edificacións lindeiras.
A obra completarase coa reposición do firme nas zonas nas que sexa necesario abrir gabias para instalar as tubaxes. O Goberno local confía en que esta actuación permita dar unha solución estable a un problema que viña xerando preocupación entre a veciñanza de A Brea.