As novas instalacións de Meicende xa están listas tras seis meses de obras

ACoruñaXa
O Concello de Arteixo investiu 780.000 euros na renovación integral dun dos campos de fútbol e na mellora da accesibilidade e dos equipamentos do complexo deportivo
ARTEIXO campo meicende
7 Sep 2026

O Concello de Arteixo recepcionou as obras de renovación do complexo de campos de fútbol de Meicende tras seis meses de traballos. A actuación supuxo un investimento de 780.000 euros e permitiu acometer unha renovación integral dun dos dous campos que forman parte das instalacións.

O proxecto centrouse principalmente na substitución do céspede, que acumulaba doce anos de antigüidade e presentaba un importante desgaste debido ao uso intenso por parte dos equipos que empregan habitualmente o recinto.

Ademais da renovación da superficie de xogo, os traballos incluíron a construción de novos peches, a substitución das redes e o repintado dos muros do complexo deportivo.

Outro dos ámbitos nos que se actuou foi o sistema de rego e drenaxe, que foi renovado por completo. Tamén se instalou un novo sistema con aspersores emerxentes para mellorar o mantemento do céspede.

A intervención permitiu ademais mellorar a eficiencia das instalacións coa substitución dos proxectores por iluminación LED. Tamén se renovaron diferentes elementos do equipamento deportivo, entre eles as porterías, os banquiños e os bandeiríns.

A accesibilidade foi outro dos puntos destacados do proxecto. Para facilitar o acceso ás persoas con mobilidade reducida, instalouse un ascensor e acondicionouse a entrada actual ao recinto deportivo.

Con esta actuación, o complexo de Meicende conta agora cun dos seus campos completamente renovado e cunha serie de melloras que afectan tanto ás condicións de práctica deportiva como á seguridade, accesibilidade e conservación das instalacións.

O outro campo de fútbol do complexo xa fora obxecto anteriormente dunha renovación integral, polo que a intervención recentemente rematada completa a modernización das principais superficies de xogo deste recinto deportivo.

0.17725396156311