As Noites de María Pita e o Festival Noroeste Estrella Galicia contarán con puntos violeta
Co inicio das Festas de María Pita 2024, o Concello xa está a traballar nos preparativos para a posta en marcha dos puntos violeta que se habilitarán no Obelisco e a praza da Pontevedra nos vindeiros días, unha medida coa que o Goberno de Inés Rey busca reforzar o dispositivo de seguridade e prevención con vistas aos vindeiros eventos na cidade, asesorando e atendendo a cidadanía ante posibles condutas de violencia sexual durante estas datas de celebracións na Coruña.
O punto violeta do Obelisco habilitarase por primeira vez este sábado 3 e terá continuidade os luns 5 e 12 de agosto, coincidindo co ciclo de concertos das Noites de María Pita. O dispositivo, que estará operativo de 22.00 a 02.00 horas, contará cun posto aberto e outro pechado, atendidos por dous profesionais expertos na prevención da violencia de xénero. Ademais, outros catro profesionais percorrerán as rúas do centro e a praza de María Pita para ofrecer información co obxectivo de sensibilizar a cidadanía.
Este modus operandi será semellante ao do punto violeta que se instalará na praza de Pontevedra, co gallo do Festival Noroeste Estrella Galicia. O dispositivo habilitarase o venres 9 e tamén o sábado 10 de agosto (22.00 a 02.00 horas), coincidindo coas dúas xornadas nas que se prevé máis afluencia de público nos concertos da praia de Riazor. Na praza de Pontevedra haberá dous postos, un aberto e outro pechado, atendidos por dous profesionais. A maiores, outras catro persoas traballarán de forma itinerante polo paseo marítimo de Riazor e a contorna da praia, asesorando ás persoas interesadas e atendendo tamén posibles incidencias.
Ademais, os puntos violeta serán espazos seguros para denunciar calquera situación de violencia sexual que poida producirse durante as festas.