As mulleres galegas cobraron de media 4.706 euros menos que os homes en 2024

A CIG fixo públicos os datos da fenda salarial en Galiza con motivo do 22 de febreiro, Día da Igualdade Salarial, denunciando que as mulleres galegas percibiron en 2024 unha media de 4.706 euros anuais menos que os homes.
Segundo os datos das últimas declaracións do IRPF, o salario medio anual foi de 26.527 euros nos homes fronte a 21.821 euros nas mulleres, o que supón unha fenda do 17,7 %. A central sindical advirte de que a lixeira redución respecto de 2023 (18,4 %) non responde a unha mellora estrutural, senón ao efecto das subas do Salario Mínimo Interprofesional, que benefician en maior medida ás traballadoras por seren maioría nos tramos máis baixos.
En termos absolutos, a diferenza mesmo aumentou na última década: pasou de 4.332 euros en 2014 a 4.706 euros en 2024.
Desigualdade nos tramos salariais
A CIG subliña que o 40,2 % das mulleres non acadaron o SMI en 2024, fronte ao 28 % dos homes. Nos tramos máis elevados, as diferenzas son aínda máis acusadas: o 80% das persoas que cobran dez veces o SMI ou máis son homes, mentres que só o 20% son mulleres.
O sindicato apunta que 10,5 puntos da fenda salarial explícanse pola parcialidade e temporalidade que afectan maioritariamente ás mulleres. Ao comparar o Salario Medio Anual real (21.821 euros) co Salario Medio Estimado (28.853 euros), calcúlase que só ingresan o 75,6 % do que lles correspondería nun emprego anual a xornada completa. Mesmo eliminando ese efecto, permanece unha fenda estrutural do 7,2 %, vinculada á segregación ocupacional, á infravaloración dos traballos feminizados e á discriminación persistente.
A desigualdade prolongase máis alá da vida laboral. En 2024, a pensión media das mulleres foi de 883,55 euros mensuais, un 33 % inferior á dos homes (1.317,81 euros). Para a CIG, esta realidade evidencia a acumulación de discriminacións ao longo da traxectoria profesional.
Críticas aos plans de igualdade
A central sindical critica que, tras anos de lexislación en materia de igualdade retributiva, non existan avances significativos. Denuncia que moitas empresas incumpren os rexistros retributivos e que se están a rexistrar plans de igualdade sen negociación efectiva coa representación legal das persoas traballadoras.
A CIG reclama rexistros retributivos completos e verificábeis, plans de igualdade negociados con medidas concretas e seguimento real, e esixe á Xunta que garanta o cumprimento da normativa para evitar que estas ferramentas se convertan en “igualdade ficticia”.
No marco destas reivindicacións, a CIG convoca unha manifestación o vindeiro 8 de marzo en Compostela, que sairá ás 11:30 horas da estación de tren, chamando á mobilización sindical e feminista para combater a desigualdade salarial.