As mellores melodías tradicionais resoarán na Alameda de Ordes cunha nova xuntanza de bandas

ACoruñaXa
A Agrupación Musical de Goián e a formación anfitrioa serán as grandes protagonistas dun certame que chega á súa vixésimo sexta edición
ORDES xxvi xuntanza de bandas de musica
12 Jul 2026

O vindeiro sábado 18 de xullo, a Alameda de Ordes volverá converterse no punto de encontro para os afeccionados á música de banda coa celebración da XXVI Xuntanza de Bandas de Música, unha cita xa consolidada no calendario cultural do municipio que dará comezo ás 20.00 horas. O evento agarda reunir, como vén sendo habitual, a numeroso público tanto de Ordes como doutras localidades da contorna.

Organizada pola Banda de Música de Ordes e pola Asociación Cultural Amigos da Música de Ordes, esta edición contará como formación convidada coa Agrupación Musical de Goián, procedente do Baixo Miño, que achegará o seu repertorio antes da actuación da banda anfitrioa. Será precisamente a Banda de Música de Ordes a encargada de pechar o concerto, poñendo o broche final a unha das citas musicais máis destacadas do verán no municipio.

A Xuntanza de Bandas celebra este ano a súa vixésimo sexta edición, consolidándose como un dos eventos culturais con maior traxectoria de Ordes e como un escaparate para o traballo que desenvolven as bandas de música na promoción da cultura e da formación musical. Cada verán reúne formacións de distintos puntos de Galicia, favorecendo o intercambio entre agrupacións e achegando ao público repertorios variados nun escenario ao aire libre.

O Concello de Ordes colabora un ano máis na organización desta iniciativa, que mantén o seu carácter gratuíto e aberto a toda a cidadanía. Desde a organización animan á veciñanza e aos visitantes a achegarse á Alameda para desfrutar dunha tarde de música en directo nun ambiente familiar e festivo.

0.10212397575378