As Mariñas Coruñesas impulsan 51 proxectos para transformar espazos naturais dos seus 17 concellos

ACoruñaXa
O plan 'Proxecta Paisaxe' mobilizaría 5,29 millóns de euros e aposta pola restauración ecolóxica, as sendas peonís, a adaptación climática e a protección dos recursos hídricos
RESERVA BIOSFERA porxecto 17 concellos
28 Sep 2026

Unha carteira con 51 proxectos pretende marcar unha nova etapa na conservación e mellora dos espazos naturais de uso público das Mariñas Coruñesas. A Reserva de Biosfera presentou en Betanzos o plan conxunto 'Proxecta Paisaxe', unha estratexia deseñada para actuar de maneira coordinada nos 17 municipios que forman parte deste territorio.

As propostas, elaboradas a partir dun proceso participativo cos diferentes concellos, poderían beneficiar un ámbito de aproximadamente 285 hectáreas. A estimación económica do conxunto das actuacións sitúase en 5,29 millóns de euros. Para facer realidade os proxectos buscarase financiamento procedente de administracións públicas e tamén do sector privado.

Dos 51 proxectos seleccionados, 21 foron considerados prioritarios para iniciar a súa tramitación. A carteira inclúe actuacións moi diversas, pero cunha finalidade común: mellorar ambientalmente os espazos públicos da Reserva e facilitar ao mesmo tempo un uso responsable por parte da cidadanía.

A renaturalización terá un peso destacado. Un total de 39 proxectos contemplan actuacións con especies autóctonas e 38 inclúen medidas directamente relacionadas coa restauración ecolóxica. Tamén se prevé crear ou mellorar sendas e percorridos peonís en 35 iniciativas, mentres que 25 incorporan actuacións relacionadas coa adaptación climática e o ciclo da auga. Ademais, 23 proxectos intervirán especificamente en zonas fluviais e de ribeira.

A estratexia abrangue tamén medidas destinadas á protección de humidais, á redución da presenza de especies exóticas invasoras, á mellora da biodiversidade e á resposta ante as emisións de CO2. Ao mesmo tempo, pretende facilitar que estes espazos poidan ser desfrutados pola poboación dun xeito compatible coa conservación dos ecosistemas.

Entre os proxectos figuran iniciativas nos municipios da comarca con actuacións de moi diferente alcance. En Abegondo inclúese o acondicionamento paisaxístico do contorno do encoro de Beche e a redacción do Plan Especial de Protección do Rego Roufrío. Aranga contará con propostas para mellorar a rede de miradoiros e poñer en valor a Fraga das Barbudas e o val de Cambás.

En Arteixo están previstas intervencións no contorno do Museo do Mar de Sorrizo, no parque central e paseo fluvial, na Fraga de Sisalde e coa creación de microparques e zonas de xogo na aldea e praia de O Rañal. Bergondo, pola súa banda, incorpora actuacións nas Salinas de O Pedrido, na Senda dos Carballos de Mariñán, nos espazos Rede Natura de Miodelo e no contorno da igrexa de Santa Marta de Babío.

O plan tamén reserva varias actuacións para Betanzos, entre elas a mellora ambiental do ámbito fluvial do Mandeo entre o núcleo urbano e o Campo dos Caneiros, a recuperación paisaxística de O Xuncaliño en Caraña, a incorporación de arborado e zonas de sombra no parque de Cabildos, a intervención no Rego de Caraña e unha senda entre a cidade e o observatorio de aves de Souto. En Cambre, o proxecto céntrase na restauración, conservación e posta en valor da Fraga de Cecebre e do Bosque Animado.

Carral concentra tamén unha parte importante da carteira, con seis propostas. Entre elas están a actualización da ruta dos Muíños de Costa da Égoa-Batán, o acondicionamento paisaxístico da carballeira de Vistareal, un novo espazo natural en San Vicente de Vigo, a creación dunha infraestrutura verde cara á área recreativa do río Brexa, unha senda peonil xunto a este río e a reforma da área recreativa de Marco das Eiras.

O traballo técnico desenvolveuse mediante reunións nos distintos concellos e visitas de campo aos espazos incluídos no plan, co obxectivo de que as propostas poidan ser viables desde o punto de vista técnico, económico e da xestión municipal.

A partir de agora, 'Proxecta Paisaxe' deberá avanzar na súa validación polos diferentes órganos da Reserva de Biosfera, entre eles as Mesas Sectoriais, o Comité Científico e o Consello de Participación. Tamén se tramitarán as autorizacións necesarias e se preparará unha carteira máis detallada para presentar as iniciativas ao tecido empresarial e buscar novas vías de financiamento.

0.1484580039978