As Mariñas Coruñesas contarán en Miño coa súa primeira Senda Ecoturística
A Reserva de Biosfera As Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo acaba de sacar a licitación os traballos para crear a súa primeira Senda Ecoturística. Esta actuación, que se realizará en colaboración co Concello de Miño, implicará a recuperación dunha antiga senda costera entre a Ponte do Porco e a Senda dos Sentidos, un percorrido que ata o momento estaba en desuso e en condicións degradadas. Con esta intervención, a Reserva busca fomentar o ecoturismo e a sustentabilidade, convertendo este sendeiro en exemplo para futuras actuacións semellantes.
A senda, de aproximadamente 280 metros de lonxitude, busca combinar a mellora ambiental, a redución da pegada de carbono e o embelecemento paisaxístico, ao tempo que se crea un espazo de uso veciñal. A actuación contará cun orzamento de 65.295,75 euros, financiados a través dos fondos Next Generation, e está incluída no Plan de Sostibilidade Turística de As Mariñas Coruñesas, que promove un turismo sostible e de baixo impacto.
O proxecto contempla, entre outras medidas, a eliminación de especies exóticas invasoras como a acacia e o eucalipto, especialmente nas zonas de taludes e no perímetro que linda co ecosistema dunar. Estas plantas serán substituídas por especies autóctonas que axuden a frear a erosión dos terreos, mellorando a resiliencia da zona fronte á erosión e os cambios climáticos. Para demarcar o percorrido, instalarase unha barreira simple de madeira e corda, similar á utilizada na Senda dos Sentidos, asegurando así a coherencia estética en todo o traxecto.
Ademais da limpeza e restauración da vexetación, a actuación inclúe a instalación dunha pasarela de madeira elevada nun treito de 50 metros, o acondicionamento das escaleiras existentes e a mellora dunha área de aparcamento próxima á praia da Alameda. Tamén se eliminarán muros e estruturas de formigón que obstaculizan o acceso á zona, garantindo así un paso máis seguro e accesible para os visitantes.
O presidente da Reserva, José Antonio Santiso, destacou a “colaboración exquisita” entre o Concello e a Reserva para levar a cabo unha intervención que pretende ser “un espello no que se poidan mirar as sendas do territorio”. Segundo Santiso, este proxecto piloto sentará as bases para futuras iniciativas que combinen o uso recreativo e turístico con medidas de conservación ambiental e fomento da biodiversidade.
A nova senda tamén terá un enfoque educativo, xa que se planea utilizala en actividades coas escolas da zona a través do programa “Educando na Biosfera”. A intención é sensibilizar á mocidade sobre a importancia da preservación do medio natural e promover o galego como lingua científica, dentro dun modelo de desenvolvemento sostible que combina natureza e cultura local.
Esta intervención únese aos esforzos de As Mariñas Coruñesas por consolidarse como destino ecoturístico de referencia, impulsando experiencias que mariden costa e interior a través das máis de 100 empresas certificadas pola Reserva. O obxectivo é ofrecer un turismo respectuoso co medio ambiente e adaptado aos retos do cambio climático, reforzando ao mesmo tempo o compromiso coa comunidade e a economía local.