As flores volverán encher Tabeaio de música, tradición e encontro veciñal

A Festa das Flores regresa este ano a Tabeaio da man dunha nova comisión que colle o relevo con ilusión e coa vontade de recuperar unha xornada pensada para xuntar á veciñanza arredor da música, a comida e a tradición.
A celebración terá lugar o 31 de maio e arrancará ás 14.15 horas cunha sesión vermú amenizada polo Dúo Deluxe. A comida farase no local social, o que permitirá evitar posibles contratempos polo tempo. A organización lembra que cada persoa poderá levar a comida da casa e que tamén haberá pulpeira, aínda que non se reservarán nin mesas nin racións.
A programación continuará ás 16.30 horas coa actuación das Pandereteiras Rueiro de Tabeaio, que achegarán á festa o son máis tradicional. Xa ás 17.00 horas, o Dúo Deluxe volverá tomar o protagonismo coa sesión de tarde, que se celebrará na pista polideportiva. Para garantir o baile, haberá carpa instalada no recinto.
A comisión tamén fai un chamamento á participación veciñal para elaborar a alfombra floral. Quen dispoña de flores para doar ou queira colaborar na súa preparación pode poñerse en contacto con calquera dos membros da organización. Toda axuda será benvida para manter viva unha das partes máis simbólicas da festa.
Con esta cita, Tabeaio recupera unha celebración marcada polo ambiente de aldea, a colaboración entre veciños e o desexo de compartir unha xornada festiva arredor das flores.