As flores volven encher de festa as rúas de Arteixo

A primavera volverá ter un dos seus momentos máis agardados en Arteixo coa celebración da Festa das Flores, unha cita que do 25 ao 31 de maio encherá o municipio de tradición, música, convivencia e cultura popular.
A programación, organizada polo Concello de Arteixo, combina propostas para diferentes públicos e mantén algúns dos elementos máis simbólicos desta celebración, como o Concurso de Maios, a alfombra floral, a procesión con arcos florais e as actuacións musicais que acompañarán varias xornadas festivas.
A festa servirá tamén como punto de encontro para a veciñanza, con actividades vencelladas ao programa 'Cultiva o teu lecer', espectáculos familiares, verbenas e citas pensadas para manter viva unha celebración moi ligada á identidade local. O ambiente festivo concentrarase en espazos como o Centro Cívico Cultural de Arteixo 'Manuel Murguía', a Praza do Balneario, o Campo da Festa, o anfiteatro e a igrexa de Santiago de Arteixo.
Un dos momentos centrais chegará o domingo 31, coa misa solemne, a alfombra floral e a procesión, que volverán converter as flores en protagonistas da xornada grande. A música da Banda de Música Santiago de Arteixo acompañará unha das estampas máis características desta celebración.
A edición deste ano incorpora tamén medidas de accesibilidade e sensibilización. Todos os días, entre as 18.30 e as 20.00 horas, as atraccións da feira permanecerán sen música para facilitar que as persoas con alta sensibilidade sensorial poidan gozar das festas. Ademais, o venres e o sábado funcionará un Punto Violeta no Campo da Festa baixo o lema 'Por un Arteixo libre de violencias machistas'.