As familias do CEIP Tarrío inician unha recollida de sinaturas para esixir máis recursos educativos

As familias do CEIP Plurilingüe de Tarrío (Culleredo) a través da ANPA Rosalía de Castro, puxeron en marcha unha campaña de recollida de sinaturas para reclamar á Xunta de Galicia que dote o centro dos recursos que consideran 'imprescindibles' para garantir unha educación pública de calidade, en condicións de equidade e sen sobrecargas nas aulas.
A asociación de nais e pais explica que a situación educativa do colexio 'chegou a un punto límite' despois de múltiples peticións formalizadas durante o curso pasado e tamén neste inicio de curso. Entre as principais demandas figura a incorporación dunha praza máis de Pedagoxía Terapéutica (PT) e a cobertura suficiente de apoio en Educación Infantil. A ANPA lembra que dúas mestras tiveron que asumir tarefas de equipo directivo, deixando horas sen cubrir que agora se están tentando compensar cun profesorado xa ao límite.
As familias reclaman tamén a creación dunha cuarta unidade en 4º de Educación Primaria. Segundo denuncian, o número actual de nenos e nenas por aula supera as ratios recomendadas para garantir unha atención axeitada e personalizada. Esta situación, advirten, repercute directamente no alumnado, que ve condicionadas as súas oportunidades de aprendizaxe e de apoio individualizado.
Desde a ANPA subliñan que estas solicitudes xa foron trasladadas á Consellería de Educación, pero foron 'rexeitadas de maneira reiterada e sen explicación convincente'. Engaden que non se trata dun caso illado, xa que aseguran que situacións semellantes se están a producir noutros centros de concellos próximos como Carral, Oleiros ou A Coruña, onde as familias tamén levan tempo pedindo medidas efectivas.
'As consecuencias desta carencia de profesorado e de apoios recaen sobre os nenos e nenas, que non están a recibir a resposta educativa que necesitan', sinala a ANPA Rosalía de Castro, que considera urxente que a Administración actúe.
A través da recollida de sinaturas, as familias esixen formalmente que se adopten tres medidas inmediatas: dotar ao CEIP Tarrío dunha praza adicional de Pedagoxía Terapéutica (PT), incorporar profesorado de apoio suficiente en Educación Infantil e crear unha cuarta aula de 4º de Primaria para reducir a ratio de alumnado por clase. 'A educación do noso alumnado non pode seguir esperando', insisten desde a ANPA, que anima á comunidade educativa e á veciñanza a difundir a súa reivindicación: 'É o futuro dos nosos fillos e fillas; precisamos que se escoite'.