As familias do CEIP de Prácticas alertan dun deterioro grave e esixen unha reforma integral do colexio

A comunidade educativa do CEIP de Prácticas da Coruña leva meses denunciando o deterioro progresivo das instalacións e reclama á Xunta unha reforma integral con cronograma e prazos claros. A ANPA ten trasladado de maneira reiterada tanto ao Concello como á Consellería de Educación as deficiencias que, aseguran, afectan xa ao desenvolvemento normal da actividade lectiva e extraescolar.
Entre as incidencias sinaladas figuran humidades en aulas e espazos comúns; carpintarías e mobiliario deteriorados; falta de poda das árbores do recinto; e revisións pendentes da instalación eléctrica e das xanelas, unha das cales chegou a desprenderse e caer ao chan. O mal estado quedou evidenciado recentemente polo desprendemento de cascotes na fachada principal da NORMAL, zona de paso do alumnado. Neste caso, a Universidade da Coruña, responsábel dese tramo, actuou de inmediato.
As familias mobilizáronse o pasado curso para visibilizar a situación e, malia unha xuntanza en xaneiro, aseguran que non se produciron avances nin compromisos concretos. O BNG, que fixo súa a demanda, presentou unha PNL para que o Parlamento inste á Xunta a realizar un diagnóstico global do centro e a comezar en 2026 as actuacións máis urxentes con cargo aos orzamentos, contando coa participación da comunidade educativa.