As escolas infantís municipais levan ao Concello da Coruña unha nova protesta polas condicións laborais

ACoruñaXa
As traballadoras concentraranse este xoves ás 18.00 horas contra uns pregos que, denuncian, non inclúen melloras e abren a porta a traballar en fins de semana
A CORUÑA manifa escolas infantis
18 Jun 2026

As traballadoras da rede de escolas infantís municipais da Coruña concentraranse este xoves, 18 de xuño, ás 18.00 horas diante do Concello para expresar o seu rexeitamento aos novos pregos de condicións do servizo. O persoal denuncia que o documento non incorpora as melloras laborais, salariais e educativas reclamadas durante os últimos meses e que, ademais, supón un paso atrás nas súas condicións de traballo.

Segundo trasladan, os novos pregos non recollen medidas como a conversión dos contratos parciais en xornadas completas, melloras nos calendarios laborais ou tempo específico para tarefas organizativas. Tamén critican que non se inclúan avances salariais nun colectivo que, aseguran, se mantén en niveis próximos ao salario mínimo interprofesional.

As traballadoras lamentan ademais que o documento deixe fóra propostas dirixidas a mellorar a atención ás crianzas, como a redución das ratios, o reforzo do apoio ás necesidades especiais ou a garantía da parella educativa na aula. Este último punto xa fora avalado nunha moción aprobada hai máis dun ano por PSOE e BNG.

Un dos aspectos que máis malestar xerou é a inclusión dun criterio que outorga 11 puntos na valoración ás empresas que ofrezan ata 50 horas de traballo en fins de semana para cubrir actividades das propias escolas infantís ou eventos organizados polo Concello da Coruña.

Desde a CIG-Ensino, Henrique García critica que esta medida afectaría a un colectivo 'xa precarizado, sobrecargado e con salarios de miseria' e lembra que ata o de agora a xornada nas escolas infantís municipais se desenvolvía de luns a venres.

O persoal considera que o Concello incumpriu os compromisos asumidos tras as mobilizacións do pasado ano, cando as protestas se suspenderon ao abrirse unha negociación coa área de Educación. Agora, as traballadoras reclaman solucións inmediatas á alcaldesa e piden a dimisión do concelleiro de Educación, Juan Borrego.

As afectadas estudan recorrer os pregos, ao entender que supoñen unha involución e mesmo unha posible represalia polas protestas anteriores. Tamén advirten de que o documento podería incumprir o Regulamento de Réxime Interno da rede, ao permitir modificar horarios cunha soa solicitude cando a normativa recolle que debe existir unha demanda de máis do 25% das crianzas.

0.12244701385498