As chuvias do inverno destapan novas filtracións no Ponte dos Brozos e o Concello pide á Xunta rematar a renovación dos tellados

As copiosas choivas deste inverno puxeron en evidencia un problema que o Concello de Arteixo xa trasladou á unidade técnica da Consellería de Educación: a necesidade de completar as obras de substitución de tellados no centro educativo Ponte dos Brozos, onde se detectaron goteras e filtracións en dous inmobles.
Segundo explica o goberno municipal, trátase dos dous únicos edificios do complexo que aínda non foron rehabilitados de maneira integral nas actuacións desenvolvidas pola Xunta nos últimos anos. O Ponte dos Brozos, inaugurado en 1974, reúne arredor de 1.300 estudantes repartidos en varios edificios en función das idades.
Nos últimos exercicios, a administración autonómica foi executando diferentes fases de mellora no conxunto: renovación de cubertas, fachadas e iluminación, e tamén actuacións coordinadas co Concello nas que se incorporaron ascensores e ramplas para reforzar a accesibilidade.
Agora, co temporal do inverno, apareceron filtracións precisamente nas dúas cubertas que quedaban fóra desa renovación completa. O Concello avanzou que acometerá nas vindeiras semanas tarefas de reparación dentro das súas competencias de mantemento, aínda que os técnicos municipais subliñan que a solución definitiva pasa por unha substitución integral, competencia que corresponde á Xunta.
O concello lembra, ademais, que a Xunta mantén en marcha outras actuacións educativas no municipio. Entre elas, obras de rehabilitación integral no instituto Manuel Murguía e un ciclo de traballos realizado o pasado verán no propio Ponte dos Brozos, cunha intervención en 2.400 metros cadrados de cubertas. En total, as dúas actuacións suman un investimento de 1,7 millóns de euros.
Estas melloras engádense á ampliación do IES A Pastoriza, por máis de 2,1 millóns de euros, o que eleva a case 4 millóns de euros a inversión autonómica en centros educativos de Arteixo nos últimos meses.