As Brigadas da Paisaxe de Galicia organizan unha ruta polos petróglifos das Penas de Mende en novembro

ACoruñaXa
A actividade nocturna, con música de Mercedes Peón e un magosto, busca poñer en valor o patrimonio local e natural, co apoio de SOS Patrimonio Monte do Gato-Sexelle
brigadas paisaxe galega
3 Out 2024

A organización Brigadas da Paisaxe Galicia en colaboración coa plataforma SOS Patrimonio Monte do Gato-Sexelle promove unha interesante actividade cultural para o vindeiro sábado 2 de novembro de 2024, cun roteiro nocturno polos petróglifos das Penas de Mende, seguido dun magosto popular e a actuación especial da recoñecida artista Mercedes Peón.

Este evento ten como obxectivo reivindicar e defender o patrimonio paisaxístico e histórico da zona. Baixo o lema 'En defensa do territorio', a xornada comezará ás 18.00 horas e prolongarase ata as 21.30 horas, incluíndo pinchos para os asistentes e un seguro de responsabilidade civil.

O punto de encontro será a Casa do Pobo de O Freixo, na parroquia da Regueira. Ademais da exploración dos petróglifos, os participantes poderán gozar dunha inmersión nos valores estéticos, ecolóxicos e históricos do territorio, enfocándose nos servizos ecosistémicos e a importancia de conservar estes espazos. Un dos obxectivos principais do evento é recuperar e transmitir o coñecemento popular ligado ao noso patrimonio natural e cultural.

A participación nesta xornada require inscrición previa, dispoñible a través do correo brigadas.paisaxe.galicia@outlook.es ou escaneando o código QR incluído no cartel do evento. Para máis información, tamén se pode contactar mediante as redes sociais da organización.

Este tipo de iniciativas constitúe un impulso para a sensibilización social sobre a necesidade de protexer o patrimonio identitario galego, á vez que ofrece unha oportunidade única de disfrutar da natureza, cultura e música tradicional, nunha noite máxica de gaita e pedra.

brigadas paisaxe galicia
0.20057392120361