As bolsas deportivas de 2026 mobilizan 150.000 euros para apoiar a deportistas individuais da Coruña

A Coruña abre unha nova convocatoria de bolsas deportivas para apoiar a deportistas individuais empadroados na cidade. O programa, dotado con 150.000 euros, busca contribuír aos gastos que xera a actividade competitiva ao longo do ano e facilitar a presenza das e dos atletas en probas oficiais de distinto nivel.
As axudas están pensadas para sufragar custos habituais da práctica deportiva, entre eles os desprazamentos, as licenzas federativas e o equipamento. A convocatoria céntrase en deportistas federados que compitan en disciplinas individuais e que, ademais, poidan acreditar traxectoria e proxección.
As bolsas distribúense en catro categorías, segundo o ámbito das competicións nas que participen as persoas solicitantes: campionatos do mundo, de Europa, de España e de Galicia. As contías oscilarán entre os 800 e os 5.000 euros, en función do nivel competitivo e do perfil deportivo.
Poderán optar a estas axudas deportistas de entre 12 e 40 anos con arraigamento na cidade e cunha traxectoria consolidada nos últimos anos. O obxectivo da convocatoria é ofrecer respaldo económico nunha etapa na que moitas carreiras deportivas dependen, en boa medida, da capacidade para asumir custos de preparación e participación.
Nos últimos anos, este programa chegou a respaldar a nomes destacados do deporte coruñés como Julia Benedetti, Enmanuel Reyes, Paula Otero, Ignacio Mateo, David Arcay, Jacobo Garrido ou Irene Blanco, entre outros representantes de distintas disciplinas.
O prazo de presentación de solicitudes será de 10 días hábiles contados a partir do día seguinte ao da publicación da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia. As bases completas e o resto da información poden consultarse na páxina web municipal.