As bibliotecas municipais e os centros cívicos ofertan esta semana actividades para cativos
A Rede de Bibliotecas e Centros Cívicos do Concello da Coruña programou diversas actividades dirixidas ao público infantil co obxectivo de axudar ás familias coruñesas na conciliación durante as vacacións escolares de Semana Santa.
Programa 'Recuncho do xogo', dirixido a menores de 4 a 12 anos
Os Centros Cívicos acollerán o programa 'Recuncho do xogo' con diversas actividades dirixidas a menores de de 4 a 12 anos. Estas terán lugar os días 25, 26 e 27 de marzo, de acordo co calendario non lectivo previo á ponte de Semana Santa.
As actividades terán horario de 10.00 a 14.00 horas nos Centros Cívicos do Castrillón, Cidade Vella, Eirís, Elviña, Labañou, Mesoiro, Monelos, Monte Alto e Novoboandanza, Os Mallos, Palavea, Os Rosales e San Diego. E de 10.00 a 13.00 horas nos Centros Cívicos de Pescadores, Feáns, Sagrada Familia, A Silva, San Pedro de Visma, Santa Lucía e no Circo de Artesáns. No Castro de Elviña, o horario será de 11.00 a 13.00 horas.
Ofertarase unha praza en cada grupo para menores con necesidades educativas especiais (NEE) ou discapacidade, en grao que non lles impida participar nas actividades co grupo, que contarán con monitores de apoio para tarefas pedagóxicas, non acometendo funcións médicas ou hixiénico-sanitarias.
'Contos en familia' de Cris de Caldas e Xabi do Camiño (de 1 a 3 anos)
O vindeiro martes, 26 de marzo, o Centro Socio Cultural Ágora acollerá a actividade 'Contos en familia' de Cris de Caldas e Xabi de Camiño orientada a nenos e nenas de entre 1 e 3 anos (ambos incluidos).
A actividade terá dous pases, un ás 17.00 e outro ás 18.30 horas na aula 8 do Ágora. Os menores deberán estar acompañados dunha persoa adulta, como mínimo, durante a celebración da activividade. As persoas que o desexen, deberán realizar a inscrición nesta ligazón.
'Bebecontro' (0-12 meses) e 'Merendas con contos' (de 3 a 7 anos) nas Bibliotecas
O Concello programou actividades nas bibliotecas orientadas a nenos e nenas. No marco do programa ‘Bebencontro’, de 0 a 12 meses, as bibliotecas do Fórum Metropolitano e Ágora acollerán unha xornada o sábado 23 de marzo, ás 11.30 horas en ambos espazos.
Ademais, no marco de ‘Merendas con contos’, orientado a nenos e nenas de 3 a 7 anos, realizarase a lectura do ‘Caracol enamordado’ os días 23, 25 e 26 de marzo en diferentes Bibliotecas. Estas son, por día e hora: O sábado 23 de marzo, ás 12.00 horas na Biblioteca Municipal de Mesoiro e ás 18.00 horas na Durán Loriga. O luns 25 de marzo, ás 18.00 horas na biblioteca da Sagrada Familia e o martes 26 no Fórum Metropolitano.