As bibliotecas de Dorneda e Lorbé en Oleiros ofertan obradoiros para crianzas a partir de 6 anos
A programación das bibliotecas públicas municipais de Dorneda e Lorbé situadas no Concello de Oleiros durante o mes de maio achegarán a maxia e as manualidades ás crianzas do municipio.
Por un lado, o luns 20 de maio ás 17.30 horas terá lugar na biblioteca Mª José Ruso de Dorneda unha actividade de manualidades con OQO. Actividade baseada no álbum 'Maruxa', pero nesta ocasión a masa que se preparará non será para facer pan, senón para dar forma aos personaxes e crear novas escenas do conto. O aforo é limitado a 25 prazas polo que é imprescindible reservar praza na propia biblioteca ou chamando por teléfono ao 981 626 638.
Doutra banda, o xoves 23 de maio ás 17.30 horas, na biblioteca Xograr Mendiño de Lorbé, terá lugar un espectáculo de maxia co mago Pedro Bugarín; onde ademais de asistir a diversos trucos de ilusionismo, as nenas e os nenos poderán facer maxia eles mesmos. Os xogos realizaranse con obxectos cotiás: libros, gomas, moedas, cartas, etc. O aforo é limitado a 20 prazas polo que tamén é imprescindible reservar praza na mesma biblioteca ou chamando por teléfono ao 981 618 201.