As bandeiras azuis volverán ondear en tres praias de Miño

ACoruñaXa
Praia Grande, Perbes e A Ribeira manteñen por segundo ano consecutivo este distintivo, que recoñece a calidade da auga, os servizos, a seguridade e a accesibilidade dos areais
MIÑO bandeira azul
6 May 2026

Miño volverá presumir este verán de bandeiras azuis nas súas praias. O municipio conserva por segundo ano consecutivo este recoñecemento en Praia Grande, Perbes e A Ribeira, tres dos seus areais máis emblemáticos.

A Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor volveu conceder este distintivo ás tres praias miñesas, que manteñen así un selo vinculado á calidade da auga, á accesibilidade, á seguridade e aos servizos dispoñibles para veciñanza e visitantes.

O alcalde, Manuel Vázquez Faraldo, celebrou a continuidade destas bandeiras e destacou que o recoñecemento avala o traballo desenvolvido nos últimos anos. 'Este recoñecemento demostra o compromiso do Concello por seguir mellorando a excelencia das nosas praias', sinalou.

A concesión chega despois de varias actuacións de acondicionamento e mellora nos areais do municipio. Na Praia Grande, que recuperou a Bandeira Azul o ano pasado, o Concello levou a cabo traballos de rexeneración en 2024. En Perbes e A Ribeira tamén se impulsaron proxectos de mellora paisaxística e recuperación ambiental, con medidas como a retirada de especies exóticas invasoras, a plantación de vexetación autóctona e a mellora dos accesos.

As intervencións tamén chegaron a outras praias, aínda que non conten con este distintivo. En Marín instalouse unha plataforma de madeira, acondicionouse o acceso e melloráronse os servizos, mentres que na Alameda se renovou a pasarela de madeira e se incorporou unha malla de seguridade.

'Estamos moi contentos de manter a Bandeira Azul nas tres praias, e seguiremos traballando para melloralas e ofrecerlle á veciñanza e aos visitantes unha experiencia única', concluíu o rexedor.

0.12092089653015