As augas de baño de Sada contan cunha clasificación sanitaria de excelente ou boa

ACoruñaXa
Durante o ano 2023, revisáronse 7 zonas de baño do municipio de Sada establecéndose que 6 delas teñen unha calidade de augas de baño excelente
Imaxe de Sada
23 Maio 2024

O 100% das zonas inscritas no censo de augas de baño de Galicia conta cunha clasificación sanitaria de excelente ou boa. Así se recolle no informe final sobre o Programa de vixilancia sanitaria das zonas de baño 2023 (que é a clasificación provisional vixente para a tempada de baño 2024) elaborado pola Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade e presentado no Consello da Xunta da pasada semana.

“É unha moi boa nova que este verán as principais zonas de baño do noso Concello sexan aptas para o desfrute da veciñanza e das persoas que nos visiten”, apuntou o alcalde Benito Portela. “Estes resultados son froito do traballo que dende hai anos vimos realizando dende o goberno local para mellorar o saneamento do noso Concello. Investimentos na zona urbana e nas parroquias que moitas veces non se ven a simple vista, pero que co tempo amósanse acertados”.

O Goberno galego iniciará o próximo 1 de xuño unha nova campaña do Programa de vixilancia, tomando como referencia o informe final da pasada tempada. Na sección I do rexistro da tempada 2023 figura un total de 7 zonas de baño no Concello de Sada.

Destas zonas, o 85% obtivo unha clasificación sanitaria de excelente. Trátase das zonas d auga das praias de Arnela, Morazón, Cirro, San Pedro e Praia Nova. Ademais As Delicias obtén cualificación de boa.

Por outra banda nestes días aínda está aberto o proceso de licitación para a contratación do servizo de Prevención, Vixilancia, Salvamento, Socorrismo e primeiros auxilios nas praias de Sada. O Concello optou este ano por externalizar este servizo ante as dificultades que se dan dende hai anos para cubrir por completo as necesidades do mesmo, unha realidade que afecta a boa parte dos concellos costeiros.
O contrato, cun orzamento anual 133.244 euros (IVE incluído) contempla unha adxudicación por un período de dous anos coa posibilidade de dúas prórrogas dun ano. O prego establece que o servizo deberá cubrir as praias Sada Nova, As Delicias, Cirro e San Pedro entre o 1 de xullo e o 15 de setembro

 

0.14379692077637