Arteixo transformará as rúas Pedro de Monteagudo e Domingo de Andrade cunha plataforma única

ACoruñaXa
A obra, cun investimento de 450.000 euros, mellorará a mobilidade peonil e de vehículos, urbanizando unha zona sen beirarrúas e mellorando a conexión coas principais vías da contorna
Imaxe das rúas de Pedro de Monteagudo e Domingo de Andrade
24 Out 2024

O Concello de Arteixo anunciou que as rúas Arquitecto Pedro de Monteagudo e Domingo de Andrade serán transformadas en rúas de plataforma única, nun proxecto que contará cun investimento de 450.000 euros. Actualmente, está en proceso de redacción e será licitado ao longo do próximo ano.

O obxectivo principal desta intervención é mellorar a conexión da rúa Cachada, que une a rúa Camiño dos Cabalos coa rúa Ría de Vigo, e resolver o enlace coas rúas Domingo de Andrade e Pedro de Monteagudo. Esta actuación permitirá optimizar tanto o tránsito peonil como o vehicular, ademais de urbanizar unha área limítrofe cun escampado que, ata o de agora, carece de beirarrúas, dificultando o paso dos viandantes.

Con este proxecto, o Concello continúa co seu obxectivo de mellorar o urbanismo no centro de Arteixo, resolvendo o complexo entramado de rúas que dificultaba a fluidez do tráfico e a mobilidade peonil na zona. Trátase dunha intervención clave para seguir "desenredando o labirinto urbanístico" do núcleo urbano, segundo fontes municipais.

0.19557881355286