Arteixo propón un plan conxunto para mellorar a seguridade nas estradas provinciais
O Concello de Arteixo presentará no próximo pleno municipal unha proposta de colaboración coa Deputación da Coruña para acometer melloras de seguridade viaria nas estradas provinciais do seu territorio. A iniciativa baséase na necesidade de adaptar varias vías que non cumpren cos estándares mínimos de seguridade, como plataformas inferiores a seis metros ou a ausencia de sendas peonís seguras.
Nos últimos anos, o Concello de Arteixo investiu máis de 3,6 millóns de euros de fondos propios en actuacións en estradas provinciais como a DP-0501, DP-0506 ou DP-0513, mentres que a Deputación só destinou 446.135 euros a este tipo de infraestruturas no municipio. A proposta inclúe actuacións como a senda peonil de Suevos (DP-0503), que o Concello solicita que se financie a través do Plan de Sendas 2025 da Deputación, e a senda de Barrañán (DP-0506), cuxa execución o Concello comprométese a asumir, incluíndo o custo dos terreos necesarios.
Ademais, Arteixo solicitou a cesión de cinco estradas provinciais para xestionalas directamente. Desde o goberno local destacan a importancia de traballar de xeito coordinado coa Deputación para garantir a seguridade viaria e peonil no municipio.