Arteixo promove dous obradoiros de compostaxe en Monticaño para aprender a transformar residuos en abono

O Concello de Arteixo impulsa esta semana dúas propostas formativas vencelladas á sustentabilidade e á xestión dos residuos orgánicos no parque de Monticaño (Pastoriza). Trátase de dous obradoiros pensados para persoas afeccionadas á xardinería en nivel iniciación e para quen queira aprender a converter os restos orgánicos nun recurso útil para a horta ou o xardín.
A primeira cita será o obradoiro de auto-compostaxe doméstico, programado para o venres 16 de xaneiro, en horario de 16.00 a 20.00 h. A sesión abordará cuestións prácticas como os conceptos básicos e beneficios ambientais da compostaxe, que materiais son axeitados e cales non, os tipos de composteiros e onde colocalos, así como o control das fases e tempos do proceso. A actividade incluirá tamén unha práctica demostrativa impartida por persoal de EME.
Ao día seguinte, o sábado 17 de xaneiro, celebrarase un segundo obradoiro centrado en crear a propia composteira con madeira reciclada, en horario de 10.00 a 14.00 h, tamén en Monticaño.
No caso do taller de auto-compostaxe, o Concello informa de que o prezo é de 15 euros para persoas empadroadas e para clientes de Sumarte ou biciArteixo, mentres que a inscrición xeral é de 25 euros. As persoas interesadas poden solicitar información e reservar praza a través do correo cursoseme@sumarte.gal ou nos teléfonos 698 193 000 e 604 012 930.