Arteixo prepárase para o eclipse total de Sol cun curso práctico de observación e fotografía

O eclipse total de Sol previsto para o 12 de agosto de 2026 converterase nun dos grandes acontecementos astronómicos do ano e en Arteixo xa quentan motores para vivilo nas mellores condicións. O Espazo Municipal Ecolóxico organiza unha charla-obradoiro centrada na observación e fotografía de eclipses, unha actividade dirixida tanto a afeccionados á astronomía como a persoas interesadas en descubrir este fenómeno.
A sesión terá lugar o vindeiro 26 de xuño no Parque Municipal de Monticaño, en horario de 18.00 a 20.00 horas, e estará impartida por Óscar Blanco, director do Centro Astronómico Trevinca, divulgador científico e astrofotógrafo con ampla experiencia na observación de eclipses totais de Sol en diferentes puntos do planeta.
Durante a actividade explicaranse as claves para observar con seguridade un eclipse solar, os riscos asociados á observación directa sen protección adecuada e as distintas técnicas para fotografar e gravar este fenómeno astronómico. Ademais, os participantes recibirán recomendacións sobre o equipamento máis axeitado para obter imaxes de calidade, desde cámaras profesionais ata dispositivos móbiles.
O curso conta cun máximo de 15 prazas, que se cubrirán por orde de inscrición. O prezo será de 10 euros para persoas empadroadas en Arteixo, clientes de Sumarte e colectivos asimilados, mentres que para o público xeral a tarifa ascende a 15 euros.
O eclipse total de Sol do próximo 12 de agosto está chamado a ser un acontecemento histórico en Galicia, xa que moitas zonas da comunidade poderán contemplar a totalidade do fenómeno, algo pouco habitual e que atraerá a milleiros de afeccionados e expertos en astronomía.