Arteixo prepárase para a Gran Cabalgata de Reis cun Nadal cheo de actividades culturais
Arteixo dá comezo á súa programación de Nadal Cultural 2024-2025 este 26 de decembro, cunha oferta que combina cultura, espectáculos e tradición para todas as idades. Baixo o lema “Érase unha vez... Un mundo de fábula”, o concello propón un calendario cargado de actividades.
Exposicións e teatro
Ata o 10 de xaneiro, os visitantes poderán desfrutar da exposición “A terra e o mar” de Dolores Martínez López, situada na Sala de Exposicións do CCC de Arteixo Manuel Murguía. Ademais, o venres 27 de decembro, o Auditorio deste centro acollerá a obra de teatro "A cincenta que non quería comer perdices", unha proposta para maiores de 9 anos a cargo de Sarabela Teatro, ás 19:00 horas.
Cabalgatas nas parroquias
A partir do 2 de xaneiro, a maxia estenderase polas parroquias do concello con cabalgatas itinerantes:
- Xoves, 2 de xaneiro
- Ruta A: Barrañán (17:00), Chamín/Sorrizo (17:45), Monteagudo (18:30), A Cachada (19:15) e Larín (20:00).
- Ruta B: Suevos (17:00), Rañobre (17:45), Alto de Arteixo (18:35), O Rañal (19:30) e O Rañal 2 (20:00).
- Venres, 3 de xaneiro
- Uxes (17:00), Loureda (18:00), Lañas (19:00) e Armentón (20:00).
- Sábado, 4 de xaneiro
- Villarrodís (17:00), Oseiro (18:15) e Pastoriza (19:15).
Gran Cabalgata e Recepción Real
O broche final do Nadal chegará o domingo 5 de xaneiro coa Gran Cabalgata, que sairá ás 18:00 horas da Avenida Baldomero González. A continuación, ás 19:30, terá lugar a Recepción Real no Pazo dos Deportes. Para asistir, será necesario presentar un código QR e o DNI, tras realizar a reserva previa na web oficial ou a través da aplicación Arteixo 15142.
O Concello tamén abre a inscrición para figurantes voluntarios maiores de 18 anos, que poderán acompañar aos Reis Magos nesta xornada tan especial. Con esta programación, Arteixo reafirma o seu compromiso coa cultura e o entretemento familiar, garantindo un Nadal inesquecible para veciños e visitantes.