Arteixo pon a mobilidade sostible no foco na súa I Xornada de Transición Ecolóxica

O Centro Tecnolóxico de Arteixo foi o escenario da I Xornada de Transición Ecolóxica e Mobilidade Sostible, celebrada entre as 9.00 h e as 13.10 h. A cita abriu cun almorzo e coa benvida do alcalde, José Carlos Calvelo Martínez, quen tamén se encargou da apertura e do peche oficial dunha mañá centrada en como reducir emisións sen perder servizos nin competitividade.
A primeira intervención foi a de Andrés Guerra, xefe do Departamento de Sostibilidade e Estratexia da Autoridade Portuaria da Coruña, que puxo o acento na complexidade ambiental da contorna portuaria e no seguimento das posibles afeccións en áreas sensibles. Explicou que se están a impulsar convenios para coñecer mellor a distribución e a evolución das aves na zona, así como para avaliar sedimentos e controlar parámetros como a calidade do aire. Tamén destacou o traballo de medición da pegada de carbono desde 2015 e a aposta por proxectos vinculados á descarbonización (entre eles o ‘A Coruña Green Port’) e a planificación ligada á eólica mariña e a novas actividades no porto exterior.
A continuación, Rodrigo López Piquín, CEO de Permae Ser, levou a sesión ao terreo do día a día cunha enquisa interactiva sobre hábitos de mobilidade e enerxía. A súa mensaxe foi clara: o cambio require planificación (por exemplo, no salto ao coche eléctrico) e tamén estruturas de apoio para a cidadanía. Nesa liña, presentou a figura das oficinas de transformación comunitaria como espazos para resolver dúbidas, mapear axudas e xerar confianza arredor de medidas como o autoconsumo ou as comunidades enerxéticas. Lembrou que este tipo de iniciativas poden traducirse en aforro e máis autonomía, ademais de emprego local e economía circular.
No bloque empresarial, Repsol participou cunha intervención centrada na ‘multi enerxía’ e na descarbonización do transporte, incidindo en alternativas como os combustibles renovables e a electrificación a través de rede de recarga. Máis tarde, xa no treito final, a compañía volveu aparecer cunha explicación divulgativa dos CAE (certificados de aforro enerxético) como instrumento para monetizar aforros en actuacións de eficiencia e complementar outras liñas de axuda, poñendo o foco en medidas típicas como a substitución de tecnoloxías máis emisoras por opcións máis eficientes.
O apartado institucional de axudas chegou da man de José Ángel Abad Sánchez, xefe da área de eficiencia enerxética do INEGA, que debuxou o contexto enerxético galego e a importancia de reducir dependencia do petróleo. Explicou que a electricidade é cada vez máis renovable e enmarcou esta transición na Axenda Enerxética de Galicia 2030 e nos obxectivos a 2050. Ademais, avanzou claves do Plan Renova o Teu Vehículo 2026, orientado a facilitar o acceso a vehículos máis eficientes mediante axudas tramitadas a través de concesionarios adheridos, con partidas diferenciadas para empresas, autónomos e particulares.

A mobilidade colectiva tivo protagonismo coa intervención de Alberto Dorado, director rexional de Arriva en Galicia, que describiu o modelo específico do transporte municipal en Arteixo para chegar ás 13 parroquias, aos polígonos e tamén ao ámbito portuario. Detallou que o servizo se estrutura en tres grandes bloques: unha liña circular, cinco liñas interparroquiais e unha liña de praias no verán. Sobre a electrificación, explicou que os tres autobuses eléctricos se empregan nas interparroquiais (a circular non conta con vehículo eléctrico), en funcionamento desde o verán de 2024, e que a clave está tanto en dispoñer de infraestrutura de carga como en adaptar a planificación, a condución e o mantemento. Tamén subliñou o valor social do bus para combater o illamento dos núcleos pequenos e a utilidade dos datos para mellorar o servizo.
A xornada pechouse co alcalde, que agradeceu as achegas e apelou a manter esta liña de traballo para que a transición ecolóxica se traduza en medidas prácticas e coordinadas no territorio.