Arteixo organiza un taller de agricultura ecolóxica urbana no parque de Monticaño

Arteixo acollerá o sábado 27 de xuño un taller de agricultura ecolóxica urbana dirixido a persoas afeccionadas á horta e ao xardín que queiran iniciarse no cultivo sostible en espazos reducidos.
A actividade desenvolverase no parque municipal de Monticaño, en Pastoriza, entre as 10.00 e as 14.00 horas. O obxectivo é ensinar ás persoas participantes a deseñar, planificar e manter unha horta urbana empregando técnicas respectuosas co medio ambiente.
O programa abordará cuestións como o aproveitamento do espazo, a orientación dos cultivos, a selección de recipientes ou mesas de cultivo, a preparación de substratos, o uso de compost e abonos orgánicos, a creación de sementeiros, os transplantes e a planificación segundo os calendarios estacionais.
Tamén se tratarán técnicas de manexo sostible, como a asociación e rotación de cultivos, así como métodos naturais para a prevención e control de pragas e enfermidades.
O curso contará con 15 prazas, que se asignarán por orde de inscrición con prioridade para persoas empadroadas en Arteixo e clientes de Sumarte. O prezo será de 15 euros para empadroados, usuarios de Sumarte e asimilados, e de 25 euros para o público xeral.