Arteixo levará a licitación a redacción do Plan Xeral de Ordenación Urbana
O concello de Arteixo levará á próxima comisión informativa de urbanismo a aprobación dos pregos para contratar a redacción do plan xeral de urbanismo do Concello. Os obxectivos marcados polo concello neste novo plan xeral pasan por preservar e poñer en valor o o seu patrimonio natural e cultural do concello.
A anterior empresa redactora incumpriu os prazos de presentación dos traballos necesarios para concluír o plan xeral e esa situación provocou que o concello se vise obrigado a rescindir o seu contrato no 2021. Unha vez que o departamento de urbanismo redactou os novos pregos e definiu os obxectivos do novo plan, o concello licita agora a redacción por un total de 748.000 euros. A empresa adxudicataria terá un prazo total de catro anos para acometer os traballos, contados desde a súa firma en documento administrativo, e con posibilidade de prórroga por un ano máis, previo acordo do órgano de contratación adoptado cun mínimo de dous meses de antelación á finalización da vixencia anterior, polo que o contrato poderá chegar a ter unha duración total de ata cinco anos incluídas as prórrogas. A nova empresa poderá aproveitar os documentos realizados pola anterior empresa, que fundamentalmente cartografou e realizou levantamentos topográficos dos núcleos de Arteixo.
Desde o punto de vista ambiental, é necesario sinalar que Arteixo inscribiu o seu litoral á Zona de Especial Conservación (ZEC) Costa da Morte da Rede Natura 2000 e no ámbito da Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo. Na escala local, as zonas verdes xestionadas polo municipio roldan os 250.000 m2. Son de carácter rural as áreas recreativas de Barreiros, Fraga e muíños de Sisalde, miradoiro de Monte de Angra, e Monticaño; e de carácter urbano as áreas recreativas de Seixedo e encoros de Meicende e Sabón, sendo o paseo fluvial e parque do río Bolaños, os máis urbanos con aproximadamente 55.000 m2 en tres km de lonxitude. Será unha importante tarefa que o PXOM que se redacte sexa capaz de preservar e poñer en valor toda a riqueza ambiental do termo municipal cos criterios técnicos das normas ambientais actualmente en vigor.
No ámbito do patrimonio cultural, as normas urbanísticas actuais recollen un catálogo de monumentos e conxuntos histórico-artísticos obxecto de protección onde se atopan xacementos castrexos, arquitectura relixiosa e arquitectura civil que necesariamente debe ser actualizado para inventariar e preservar os bens que, en efecto, deban ser obxecto de protección.
Outro dos obxectivos do plan tamén pasa por ter en conta a posición estratéxica industrial que ten Arteixo. Arteixo aglutina un dos volumes empresariais e industriais máis importantes da Comunidade Autónoma Galega. As Directrices de ordenación do Territorio de Galicia (DOT) inseren ao termo municipal de Arteixo dentro dos espazos industriais da rexión da Coruña e nos seus corredores de función industrial-terciaria; todo iso grazas á boa accesibilidade que proporciona a autoestrada AG/AG-55 e a súa ligazón coa A-6.
Son tres as grandes superficies de chan industrial de Arteixo: o parque empresarial de Morás, o polígono de Sabón, que alberga da contorna do centenar de empresas onde se emprega directamente a preto de 7.500 persoas e que é onde se sitúan as instalacións centrais dunha das empresas con maior capitalización bolsista de España; e o Porto Exterior de Punta Langosteira, que cando se completen as conexións e estea plenamente operativo, ocupará unha posición privilexiada en relación coas necesidades de espazos loxísticos e industriais asociados ao porto. A consolidación do tecido industrial existente será outro gran reto a afrontar na redacción do PXOM.
Outra prioridade do plan será o reforzo das infraestruturas que articulan o territorio e a mellora da mobilidade. É preciso sinalar a importancia das infraestruturas viarias, as enerxéticas, as de servizos e as recentemente coñecidas como infraestruturas verdes que articulan internamente o termo municipal inseríndoo na contorna da súa área de influencia. Calquera proxecto de municipio que actúa sobre o seu patrimonio natural e os seus tecidos urbanos, debe inescusablemente prever actuacións de mantemento e reforzo das infraestruturas que ten, así como prever a súa ampliación e reforzo en base a criterios de lóxico e orgánico crecemento.
Fixar poboación no rural e modernizar os tecidos urbanos e rurais coa vivenda como eixo é outro dos obxectivos do plan. Arteixo conta con catro núcleos urbanos claramente consolidados: Meicende, Pastoriza, Vilarrodís e Arteixo. O resto de tecido construído do termo municipal está formado por núcleos rurais nacidos na súa maioría contorna a conxuntos igrexarios e con crecemento disperso, crecemento que se dá xeralmente na contorna a vías de primeira orde que articulan e comunican o municipio cos lindeiros.
Neste sentido un Plan Xeral de Ordenación Urbana non é outra cousa que un proxecto de municipio para as persoas que o habitan, motivo polo cal é a pedra angular unha correcta cualificación dos tecidos urbanos e rurais para acoller vivendas que permitan habitalas nas mellores condicións posibles.