Arteixo inicia a actualización da ordenanza do taxi para mellorar o servizo nocturno

ACoruñaXa
O Concello quere crear unha emisora única de referencia con central telefónica operativa as 24 horas e abre un período de exposición pública para achegas do sector e dos grupos políticos
TAXI ARTEIXO
29 Jan 2026

O pleno municipal de Arteixo aprobou este xoves o inicio do proceso para actualizar a ordenanza que regula o servizo de taxi no municipio. O obxectivo, segundo explica o Concello, é mellorar a calidade do servizo e adaptalo á normativa autonómica vixente, dando resposta ás necesidades actuais de mobilidade.

O foco principal da revisión está no servizo nocturno. Nos últimos meses, o Concello asegura ter recibido numerosas queixas de veciños pola dificultade para atopar taxi na parada de Arteixo nesas horas, a pesar de que, segundo lembra, a prestación nocturna forma parte das obrigas asociadas á licenza municipal.

Entre as medidas que se poñen enriba da mesa figura a creación dunha emisora telefónica centralizada, cunha única canle de referencia e atención 24 horas. O Goberno local sinala que un dos problemas actuais é que o teléfono fixo da parada non se atende con frecuencia durante a noite, o que complica os desprazamentos tanto da veciñanza como de persoas que se desprazan a Arteixo por traballo, ocio ou cuestións persoais.

A nova ordenanza atópase agora en fase de exposición pública, un período no que os grupos municipais e o propio sector do taxi poderán presentar aportacións para acadar un texto máis consensuado. O Concello indica que a actualización, necesaria tamén porque a normativa actual data de 2005, pretende establecer un marco máis claro, mellorar a organización do servizo, garantir cobertura nos momentos de maior demanda e reforzar a coordinación entre administración e profesionais.

⚙ Configurar cookies
0.084327936172485