Arteixo ensinará a converter os residuos orgánicos da casa en compost para hortas e xardíns

Aprender a aproveitar os residuos orgánicos do fogar para producir compost será o obxectivo do taller de autocompostaxe doméstica que se celebrará o venres 2 de outubro no Parque Municipal de Monticaño, na Pastoriza.
A actividade desenvolverase entre as 16.00 e as 20.00 horas e está pensada especialmente para persoas afeccionadas á xardinería que queiran iniciarse nesta práctica. O taller estará impartido por Javier Cotelo Rama, responsable de EME.
Durante a sesión explicaranse os principios básicos da compostaxe e os seus beneficios ambientais, así como as posibilidades que ofrece a autocompostaxe doméstica para reducir a cantidade de residuos xerados nos fogares.
O programa tamén abordará que materiais poden introducirse no composteiro e cales non son axeitados, os diferentes tipos de composteiros e a localización máis adecuada para instalalos na casa. A parte teórica completarase con explicacións sobre as distintas fases do proceso, os tempos necesarios e os controis que deben realizarse.
O taller incluirá ademais unha demostración práctica de compostaxe, co obxectivo de que as persoas participantes poidan coñecer de maneira directa como iniciar e manter correctamente o proceso para obter un compost de calidade que posteriormente poida empregarse en hortas e xardíns.
A actividade conta con 15 prazas, que serán asignadas por orde de inscrición. Terán prioridade as persoas empadroadas en Arteixo e as clientes de SUMARTE, o Servizo Municipal de Augas e BiciArteixo.
O prezo será de 15 euros para as persoas empadroadas en Arteixo, clientes de SUMARTE e colectivos asimilados, mentres que a inscrición xeral terá un custo de 25 euros.
As persoas interesadas deberán formalizar a inscrición a través da ligazón habilitada pola organización. As solicitudes que non obteñan praza quedarán nunha lista para posibles vacantes.