Arteixo e a Autoridade Portuaria investirán 2,9 millóns no saneamento de Suevos e Langosteira

O Concello de Arteixo e a Autoridade Portuaria acordaron impulsar unha actuación de saneamento que permitirá mellorar a rede da parroquia de Suevos e conectar o Porto Exterior de Langosteira coa estación depuradora de augas residuais (EDAR) de Bens. O proxecto contará cun investimento próximo aos 2,9 millóns de euros, dos que o 90 % será achegado pola Autoridade Portuaria e o 10 % restante polo Concello.
As obras contemplan a instalación de sistemas de bombeo e a construción dun colector subterráneo dividido en tres treitos. O primeiro discorrerá polo interior de Langosteira e terá unha lonxitude aproximada de 600 metros. O segundo, duns 400 metros, desviará a rede cara ao Porto de Suevos. O terceiro conectará o novo sistema coa EDAR de Bens, cun percorrido duns 2,3 quilómetros a través do areeiro situado no límite co municipio da Coruña.
A intervención tamén prevé construír unha estación de bombeo de augas residuais no Porto de Suevos e instalar o colector xeral destinado a reforzar o saneamento da parroquia. Ademais, executarase unha condución de impulsión e un tramo posterior por gravidade para enlazar ese bombeo co Porto Exterior de Langosteira.
MÁIS CAPACIDADE
Esta actuación complementarase coas obras que Augas de Galicia rematou o pasado mes de xuño para construír un novo colector entre o areeiro de Suevos e a EDAR de Bens. O obxectivo desta infraestrutura é aumentar a capacidade do sistema xeral de saneamento e permitir que poida asumir o caudal procedente das instalacións situadas no municipio, ao que se incorporará tamén o do Porto de Langosteira unha vez executado o novo proxecto.
A necesidade de ampliar a rede xurdiu, entre outros motivos, pola entrada en funcionamento de infraestruturas como o polígono de Morás e polos incrementos repentinos do volume de auga durante episodios de choivas torrenciais. Estas circunstancias provocaban desbordamentos puntuais no areeiro de Suevos, xa que o colector existente ata a depuradora de Bens non tiña capacidade suficiente para absorber todo o caudal.
Ante esta situación, o Concello de Arteixo solicitou a colaboración das distintas administracións implicadas no tratamento destas augas para buscar unha solución conxunta. O acordo permitiu articular un convenio polo que Augas de Galicia executou o novo colector entre Suevos e Bens, co propósito de mellorar a resposta do sistema cando se rexistran precipitacións intensas.
A obra xa finalizada supuxo un investimento de 2,7 millóns de euros, financiado por varias entidades públicas. A Consellería de Industria achegou 1.065.000 euros; Xestur, 734.000; a Autoridade Portuaria, 518.000; e o Concello de Arteixo, 393.000 euros.