Arteixo da luz verde á redacción do proxecto do novo parque comarcal de bombeiros
O Concello de Arteixo asinou esta semana o contrato de redacción do proxecto de execución do novo parque de bombeiros con Novoa Castro Arquitectos por un total 73.266 euros. A empresa adxudicataria terá que entregar o proxecto nun prazo dun mes e medio. O concello xa redactara anteriormente un anteproxecto no que se debuxaban as liñas principais do novo parque que se situará nunha parcela de propiedade municipal do polígono de Morás de 4.000 m² que o concello cederá para tal efecto. O citado anteproxecto foi examinado polos técnicos do Consorcio de Bombeiros que deron o seu beneplácito e agora só falta a firma no convenio de traslado, que inclúe o anteproxecto, do presidente do Consorcio de Bombeiros, Valentín González, cargo que detenta debido á súa condición de presidente da Deputación da Coruña.
O concello de Arteixo continúa así cos trámites necesarios para trasladar as instalacións que alberga a parcela de obras municipal, que ten nos seus terreos a maquinaria e as oficinas de obras, a maquinaria do sistema municipal de recollida de residuos (camións e outros vehículos auxiliares), a maquinaria do sistema público de limpeza municipal, o depósito de coches do guindastre municipal, as instalacións de Protección Civil de Arteixo e as instalacións do parque comarcal de bombeiros.
O aumento dos servizos municipais de Arteixo (sistema público de recollida de residuos e de limpeza viaria, principalmente) deixaron totalmente obsoletas unhas instalacións que carecen de naves suficientes para gardar todos os vehículos que teñen alí o seu central de operacións. O propio parque de bombeiros hai anos que quedou tamén obsoleto en canto a accesibilidade, sistemas eléctricos e outro tipo de carencias estruturais.
Debido a esta situación e co obxecto de financiar a construción de novas instalacións para todos estes servizos públicos, o concello de Arteixo poxou en concurso público entre os anos 2022 e 2023 a citada parcela, que foi adquirida por Inditex por 5.082.000 euros, diñeiro que servirá para mellorar todas as instalacións públicas arriba citadas, incluíndo tamén o novo parque de Bombeiros, que ademais estará nunha parcela (polígono de Morás), que permitirá gañar tempo de reacción aos bombeiros #ante posibles emerxencias debido aos seus mellores accesos á autovía A-6.