Arteixo construirá un novo pavillón deportivo de case 7.000 metros cadrados na zona educativa e deportiva do municipio

ACoruñaXa
A instalación, cun investimento próximo aos sete millóns de euros, duplicará a superficie do actual Pazo dos Deportes e situarase xunto aos centros educativos e deportivos da avenida de Arsenio Iglesias
proxecto pavillón deportivo Arteixo
16 Oct 2026

O Concello de Arteixo anunciou a construción dun novo pavillón deportivo na zona educativa e deportiva do municipio, situada na avenida de Arsenio Iglesias, unha contorna que xa concentra cinco centros educativos e varias infraestruturas deportivas de referencia, como o complexo de piscinas municipal, o estadio Ponte dos Brozos e o actual Pazo dos Deportes.

A nova instalación, que complementará ao Pazo dos Deportes, contará cunha superficie próxima aos 7.000 metros cadrados, o que supón duplicar o espazo do pavillón existente, e disporá do dobre de pistas deportivas que o actual. O proxecto require un investimento municipal próximo aos sete millóns de euros.

Segundo explicou o Concello, nas vindeiras semanas encargarase a redacción do proxecto de execución, e xa se prevé incluír unha primeira partida económica para esta infraestrutura no orzamento municipal de 2027, que se atopa actualmente en fase de elaboración e cuxa tramitación se pretende iniciar a finais deste ano.

Con esta nova construción, o goberno local busca dotar a Arteixo dunhas instalacións deportivas axustadas tanto ás necesidades presentes coma ás futuras, aproveitando que a zona xa constitúe un dos principais núcleos de actividade diaria do municipio, ao reunir equipamentos educativos e deportivos. Deste xeito, espérase ampliar as posibilidades de práctica deportiva para o conxunto da cidadanía.

Esta actuación súmase ao conxunto de instalacións deportivas municipais, nas que, segundo os datos facilitados polo concello, está inscrito un de cada dous veciños de Arteixo, o que se traduce en preto de 16.000 persoas apuntadas a algún servizo ou instalación deportiva do municipio.

Con esta nova infraestrutura, o concello de Arteixo reforza a súa aposta polo deporte municipal, un ámbito no que se consolidou como o concello de referencia na comarca da Coruña, ao contar coa maior superficie de piscina pública por habitante e co maior número de infraestruturas deportivas da zona.

Entre as actuacións máis recentes neste ámbito figura a renovación, rematada este verán, dos dous campos de fútbol das instalacións de Meicende, na que o concello investiu preto de 1,6 millóns de euros repartidos en dúas fases de obra. Os traballos incluíron a mellora da accesibilidade das bancadas, a substitución da herba artificial de ambos os campos —que chegaran ao final da súa vida útil— e outras melloras vinculadas á accesibilidade e á seguridade da instalación. Na actualidade, preto de 1.100 persoas utilizan semanalmente os campos de fútbol de Meicende.

O Concello tamén acometeu obras de renovación nos campos de fútbol do complexo Ponte dos Brozos, en Arteixo. Estes investimentos súmanse a outros anteriores, como a construción do complexo de piscinas de Pastoriza-Meicende e a do novo campo de fútbol de Pastoriza, nos que se investiron máis de dous millóns de euros, ademais da urbanización das rúas da contorna, cun custo adicional de 1,2 millóns de euros.

0.15712714195251