Arteixo celebra a súa II Conferencia Estratéxica para definir o futuro do territorio
O Concello de Arteixo organizou este xoves unha conferencia estratéxica á que acudiron preto de trescentas persoas entre especialistas de diferentes ámbitos relacionados coa organización do territorio e alcaldes e representantes dos municipios lindeiros para unha xornada de traballo que se celebrou no centro cívico de Arteixo.
Ao evento acudiron tamén autoridades como os alcaldes de Laracha, José Manuel López Varela, a subdelegada do Goberno, María Rivas, a directora xeral de Saúde Pública, Sagrario Pérez e o presidente da Autoridade Portuaria, Martín Fernández Prado.
O alcalde de Arteixo, Carlos Calvelo, sinalou na apertura da conferencia que o encontro permitirá a ao municipio identificar os aspectos prioritarios de cara o futuro que queren e poden conseguir. Xa que, o obxectivo desta Conferencia Estratéxica é facilitar un encontro entre as distintas entidades e actores do municipio co galo de que coñezamos mellor as nosas necesidades e aspiracións, así como as estratexias e accións máis prioritarias que estamos a realizar, ou temos previsto realizar, desde ou noso ámbito de actuación”, explicou o alcalde.
Ao longo do encontro celebráronse conferencias e mesas redondas para tratar os diferentes aspectos de futuro que poidan afectar a Arteixo e a comarca coruñesa. Así, os especialistas analizaron temas e desafíos que se consideran prioritarios incorporar á súa propia estratexia territorial, e que tipo de proxectos poderíanse acometer de forma conxunta entre todos os concellos.
Ademais, a conferencia serviu para coñecer que temas ou desafíos teñen expostos os municipios veciños nas súas respectivas axendas urbanas e que consideran que valería a pena traballar de maneira coordinada. Neste sentido, os asistentes trataron temas de organización do territorio, mobilidade e transporte, sustentabilidade, economía ou demografía.
Durante a súa intervención a subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas, quixo poñer en valor a importancia da implementación das axendas urbanas co obxectivo de “avanzar nun crecemento sostible, que implique compatibilizar a creación de emprego e o desenvolvemento económico, coa protección do medio ambiente e a mellora da calidade de vida das veciñas e veciños”.
María Rivas firmou que son os concellos os grandes protagonistas e que ademais son “claves para impulsar a transformación, e imprescindibles para promover a implantación con éxito das axendas urbanas”. Tamén, recordou a aposta clara do Goberno por un desenvolvemento que debe de ser “equitativo, xusto e sostible”, tal e como se recolle na Axenda Urbana de España e que está en liña cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS).
A subdelegada insistiu na “extraordinaria capacidade innovadora e empresarial, que existe e nas potencialidades que ten Arteixo”, indicando que o Goberno seguirá apostando por “formar parte dun futuro que se presenta con moitas posibilidades para este municipio”. Neste senso, apelou á colaboración, e a cooperación leal para camiñar cara unha sociedade mellor, “unha sociedade na que a igualdade, a xustiza e a sustentabilidade sexan os sinais de identidade”.