Arteixo cancela a XXI Edición do Encontro de Bandas de Música polo loito nacional
O Concello de Arteixo decide cancelar a celebración da XXI Edición do Encontro de Bandas de Música, prevista para o vindeiro sábado, 2 de novembro, en sinal de loito nacional polas inundacións que afectaron á península debido á DANA.
O evento, que se converteu nunha cita tradicional dentro do programa de outono cultural, tiña programado un desfile das agrupacións participantes pola Avenida do Balneario a partir das 17:00 horas, seguido dun concerto conxunto no Anfiteatro do paseo fluvial.
Nesta edición, estaban previstas as actuacións da Banda de Música Santiago de Arteixo e a Banda de Música de Macastre, chegada desde Valencia, que ofrecerían un espectáculo musical único, fusionando os sons de Galicia e Valencia nunha tarde de celebración ao aire libre. Con todo, a traxedia que golpeou a moitas familias no país levou ás autoridades locais a priorizar o respecto e a solidariedade neste momento difícil.