Arteixo busca xestor para a cafetería do Centro Social e Cultural de Suevos

ACoruñaXa
O Concello saca a concurso a explotación do establecemento por un período de ata catro anos cun canon simbólico de 1 euro anual
ARTEIXO casa do concello
27 Jul 2026

O Concello de Arteixo abriu o proceso para adxudicar a explotación da cafetería do Centro Social e Cultural de Suevos, un servizo que formará parte deste equipamento municipal tras a recente reforma integral do edificio. O obxectivo é poñer en funcionamento un espazo chamado a converterse nun punto de encontro para a veciñanza da parroquia.

A cafetería está situada na planta baixa do inmoble, na rúa Cruceiro, e conta cunha superficie útil de 143,15 metros cadrados. As instalacións inclúen unha zona de comedor e cafetería, barra, cociña, almacén e unha terraza exterior, ademais de acceso tanto desde o exterior do edificio como desde o propio centro social.

Segundo recollen os pregos da concesión, a persoa ou empresa adxudicataria poderá explotar o establecemento durante un período inicial de dous anos, con posibilidade de dúas prórrogas anuais, polo que a duración máxima do contrato poderá alcanzar os catro anos.

O Concello fixa un canon mínimo de 1 euro anual, ao considerar que o aproveitamento económico da instalación pode resultar limitado e que a concesión debe responder tamén a unha finalidade social. Neste sentido, o Goberno local destaca que a posta en marcha da cafetería permitirá dinamizar a actividade do Centro Social e Cultural de Suevos, favorecendo a creación dun espazo de convivencia para a veciñanza e contribuíndo á xeración de emprego e á reactivación económica do municipio.

A concesión inclúe tamén a ocupación das instalacións municipais e do equipamento existente. Entre as obrigas da persoa adxudicataria figura a limpeza diaria da cafetería e dos aseos situados na planta baixa do edificio, co fin de garantir o seu correcto estado para as actividades que se desenvolvan no centro.

As persoas ou empresas interesadas xa poden presentar as súas ofertas dentro do procedemento de licitación aberto polo Concello de Arteixo.

0.12089109420776