Arteixo aproba a creación dunha Mesa da Mobilidade

ACoruñaXa
O novo organismo servirá para debatir sobre as necesidades de mobilidade do municipio e o análisis dos proxectos en marcha
Fotografía da Casa do Concello de Arteixo
Concello de Arteixo
26 sep 2024

O pleno do concello de Arteixo aprobou a creación dunha Mesa da Mobilidade como un espazo de participación onde estean representadas as institucións, entidades e asociacións interesadas na mobilidade, tanto do sector público como do privado. A Mesa da Mobilidade esta pensada como un grupo de traballo que se reunirá en varias sesións anuais co obxectivo de debater as cuestións xerais e puntuais sobre a mobilidade en Arteixo. Este espazo é coherente co Plan de Mobilidade Urbana sostible e co Plan de Accesibilidade Universal que xa tiña aprobados o concello de Arteixo como documentos estratéxicos para definir os proxectos destinados a mellorar a mobilidade e accesibilidade do concello.

O pleno municipal tamén aprobou hoxe unha nova ordenanza denominada Sandbox Urbano de Arteixo, que se concibe como un instrumento innovador que se relaciona directamente coa Axenda Urbana e Rural de Arteixo (Aura). Este Sandbox Urbano é entendido como a posta a disposición do ecosistema innovador de instrumentos, espazos públicos e infraestruturas para que estes axentes innovadores que desenvolvan novas tecnoloxías ou modelos de negocio, poidan realizar probas e testar novas solucións antes da súa introdución nos mercados. A nova ordenanza pretende favorecer a creación de coñecemento e impulsar Arteixo como un territorio innovador que facilitará a investigadores, o sector emprendedor e empresarial experimentar novas solucións, servicios e produtos en desenvolvemento polo citado ecosistema innovador e que requiren de proba en condiciones relevantes ou reais.

Plan de Acción para o Clima e a Enerxía Sostible

Outro punto aprobado no pleno de hoxe foi o Plan de Acción para o Clima e a Enerxía Sostible. Isto supón que o concello de Arteixo ten entre as súas metas o cumprimento dos obxectivos marcados polas Axendas Internacionais, expresamente a Axenda 2030 de Nacións Unidas, a Nova Axenda Urbana de Nacións Unidas e a Axenda Urbana para a Unión Europea. O ano pasado subscribiuse un Protocolo Xeral de Actuación entre a Secretaria Xeral de Axenda Urbana e Vivenda do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana e o Concello de Arteixo no que manifesta por parte do concello a vontade de aportar á Axenda Urbana Española un proxecto piloto de Plan de Acción que, elaborado para o seu municipio, poida servir como modelo ou exemplo. Todo iso dentro do marco estratéxico da Axenda Urbana Española e en aplicación de instrumentos que a mesma ofrece para a súa elaboración (metodoloxía, sistema de indicadores, etc.) e que se encontran aliñados co resto de Acordos Internacionais ós que se ven de facer referencia.

A este respecto, a implicación das entidades locais na mitigación e adaptación ao cambio climático, debe centrarse en materias do seu ámbito de competencia, do seu funcionamento ou da prestación de servizos, tales como mobilidade, auga, residuos, enerxía e eficiencia enerxética, planificación urbana e edificación, infraestrutura viaria e obra pública, xestión dos espazos verdes, contratación pública, solucións baseadas na natureza, servizos sociais, educación, cultura, deporte e promoción económica, entre outras. Avanzando nesta filosofía, e co gallo de reducir as emisións de CO2 do noso termo municipal, o pleno acordou por en marcha o Plan de Acción para o Clima e a Enerxía Sostible (PACES).

0.20171117782593