Arteixo adxudica por 1,1 millóns a nova senda peonil e ciclista da Avenida da Praia

O Concello de Arteixo adxudicou a construción da nova senda peonil e ciclista da Avenida da Praia, unha actuación cun investimento de 1,1 millóns de euros que busca mellorar a mobilidade e a seguridade nunha das zonas con maior tránsito diario do polígono de Sabón.
A empresa Vázquez y Reino, S.L. será a encargada de executar os traballos tras presentar a oferta mellor valorada nun procedemento ao que concorreron cinco pemes. O prazo máximo de execución será de seis meses.
O proxecto contempla a creación dun itinerario de dous quilómetros, cunha senda peonil diferenciada en cor ocre e un carril bici paralelo. O obxectivo é ordenar os desprazamentos a pé e en bicicleta nun ámbito no que conflúen traballadores, tráfico industrial e usuarios que se achegan á contorna da praia e ao litoral de Arteixo.
A intervención tamén permitirá reorganizar o estacionamento, coa habilitación de 207 prazas, das que sete estarán adaptadas para persoas con mobilidade reducida. A actuación responde a deficiencias históricas detectadas na avenida e forma parte das melloras previstas no marco do convenio PISA, o plan de colaboración entre a Deputación da Coruña e o Concello de Arteixo para financiar infraestruturas tras a cesión do polígono.
A obra xa fora incluída nos plans municipais para reforzar a mobilidade sostible en Sabón, xunto con outra senda prevista na Avenida do Embalse. Ambas actuacións sumaban un investimento global de 1,77 millóns de euros, segundo recollera ACoruñaXa.
Coa nova senda da Avenida da Praia, Arteixo busca dar resposta ao incremento do uso da bicicleta e reforzar a conexión con biciArteixo, ao tempo que mellora a accesibilidade nun punto estratéxico para a actividade económica e para os desprazamentos cara á costa.