Arteixo abre o prazo para reservar mesas e cadeiras no Festival Folk de Sisalde

O Concello de Arteixo abriu este martes o prazo para reservar mesas e cadeiras para asistir ao Festival Folk de Sisalde, que celebrará a súa sétima edición o próximo 5 de setembro na Fraga de Sisalde, un dos espazos naturais máis emblemáticos do municipio. As solicitudes poderán realizarse ata o 7 de agosto a través da páxina web oficial do festival.
A iniciativa está pensada para todas aquelas persoas que desexen compartir a comida en familia ou con amizades nas mesas habilitadas polo Concello durante a celebración do evento. O obxectivo é recuperar o ambiente das tradicionais romarías galegas, nas que a música, a gastronomía e a convivencia ao aire libre forman parte dunha mesma experiencia.
Organizado pola Concellaría de Turismo, que dirixe Patricia Amado, o Festival Folk de Sisalde consolidouse desde a súa primeira edición, en 2017, como unha das principais citas culturais do verán en Arteixo. Ao longo destes anos pasaron polo escenario grupos de referencia da música tradicional e folk, como Luar na Lubre, Treixadura, A Roda ou a banda irlandesa Jiggy, ademais de formacións e asociacións culturais da contorna.
A organización xa confirmou que nesta edición actuarán, entre outros, a histórica banda escocesa Tannahill Weavers, a formación galega SonDeSeu e o grupo Alana, xunto a diferentes agrupacións tradicionais e escolas de música. Ademais dos concertos, o festival contará con postos de artesanía e gastronomía, actividades culturais e espazos pensados para o público familiar.