Arte, natureza e participación danse a man nunha xornada do proxecto R.A.Í.Z. en Vilasantar

Vilasantar acollerá o vindeiro 30 de maio unha xornada de actividades multidisciplinares dentro do proxecto R.A.Í.Z. (Rede de Acción e Igualdade en Zonas Rurais), unha iniciativa que combina arte, medio ambiente, igualdade e participación comunitaria no rural. O programa está integrado no marco de Erasmus+ e busca crear espazos de encontro arredor da sustentabilidade, o liderado xuvenil e a transformación social nas comunidades rurais.
A actividade comezará ás 10.00 horas na área recreativa A Píntega cunha recollida de lixo. Despois, ás 11.30 horas, as persoas participantes trasladaranse á área recreativa do Roseo, onde se celebrará unha mesa redonda con diferentes iniciativas e asociacións locais. O encontro servirá para compartir experiencias, presentar proxectos e debater sobre as necesidades das zonas rurais. A organización ofrecerá tamén un petisco a media mañá.
A programación continuará ás 13.00 horas cunha plantación e, ás 14.30 horas, cun xantar cooperativo no que se convida á veciñanza a levar algo da casa para compartir. Pola tarde, ás 16.00 horas, celebrarase un obradoiro de esculturas co lixo recollido durante a mañá, unha proposta coa que se pretende dar unha segunda vida aos residuos e transformalos en creación artística.
A xornada completarase ás 17.00 horas cun obradoiro de teatro baseado en xogos escénicos e nunha introdución ao ‘teatro da oprimida’. O peche chegará ás 19.00 horas cunha foliada aberta á participación.
O proxecto R.A.Í.Z. defínese como unha proposta educativa e comunitaria orientada a impulsar a igualdade de xénero, o liderado da mocidade, a sustentabilidade e as competencias dixitais no rural. A iniciativa promove encontros nos que mozas e mozos de Galicia e doutros territorios traballan para aprender, crear e activar as súas comunidades.
As persoas que precisen transporte compartido para desprazarse ata Vilasantar poden contactar co número 696 53 53 70.