Ártabro Emprende V volverá combinar formación e traballo en Miño para abrir novas portas laborais

A quinta edición do Obradoiro dual de emprego Ártabro Emprende xa está en marcha coa participación conxunta dos concellos de Miño, Pontedeume e Cabanas. Os alcaldes Manuel Vázquez Faraldo, Bernardo Fernández Piñeiro e Fernando Couce Rodríguez presentaron unha nova convocatoria deste programa mixto de formación e emprego, dirixido a favorecer a inserción laboral de persoas maiores de 18 anos.
A iniciativa permitirá que as persoas participantes combinen a aprendizaxe teórica coa práctica profesional en obras e servizos de utilidade pública. O obxectivo é reforzar a súa cualificación, dotándoas de experiencia real para mellorar as súas opcións de acceso ao mercado laboral ao remate do programa.
Nesta nova edición haberá 20 alumnos traballadores e a duración prevista será de nove meses. Ao longo dese período impartiranse dúas especialidades formativas: operacións auxiliares de albanelaría de fábricas e cubertas e actividades auxiliares en conservación e mellora de montes.
A Consellería de Emprego, Comercio e Emigración financia o proxecto cunha subvención de 481.552 euros. Ese investimento permitirá desenvolver actuacións nos tres municipios participantes, con intervencións orientadas á mellora de espazos públicos, contornas naturais e elementos patrimoniais.
Durante a presentación, o alcalde de Miño destacou a consolidación dun programa que alcanza xa a súa quinta edición e que, ao seu xuízo, confirma a súa utilidade para promover o emprego e ofrecer oportunidades de formación ao tempo que se actúa sobre a contorna. Pola súa parte, o rexedor de Pontedeume puxo o foco na colaboración entre administracións, subliñando que a suma de esforzos tradúcese en melloras concretas para a veciñanza e na captación dunha achega próxima ao medio millón de euros.
Desde Cabanas, o alcalde incidiu na boa acollida que o obradoiro vén acadando convocatoria tras convocatoria. Na súa opinión, esa resposta evidencia o valor dunha iniciativa que facilita a inserción laboral e permite, ao mesmo tempo, executar actuacións de interese para os municipios implicados.