Arredor de 200 deportistas participaron nas probas australianas do Club do Mar tras a cancelación da LXXXIII Travesía a Nado en San Amaro

ACoruñaXa
As probas australianas reuniron a 200 nadadores no Club do Mar, nun evento marcado pola seguridade ante a presenza de carabelas portuguesas nas praias da cidade
Imaxe dos deportivas do Club do Mar da Coruña
26 Ago 2024

Este domingo celebrouse no Club do Mar na Coruña unha xornada deportiva marcada polas probas australianas por categorías, nas que arredor de 200 nadadores participaron tras a cancelación da LXXXIII edición da Travesía a Nado en San Amaro, debido á presenza de carabelas portuguesas nas augas da enseada.

O concelleiro de Deportes, Manuel Vázquez, foi o encargado de entregar os premios aos gañadores e gañadoras das distintas categorías, organizadas por tramos de idade. Vázquez destacou a importancia de eventos coma este para visibilizar o potencial da Coruña no ámbito do deporte ao aire libre, e subliñou a necesidade de continuar impulsando a Travesía a Nado, involucrando ás novas xeracións e mantendo viva esta tradición deportiva da cidade.

As probas, que se desenvolveron na piscina exterior do Club do Mar, consistiron en percorridos de 25 metros nos que os últimos en chegar eran descualificados ata a final, onde os tres últimos competiron nunha carreira de 50 metros. A seguridade do evento estivo garantida coa colaboración de Protección Civil, Cruz Vermella e a FESSGA, que contaron con dúas embarcacións e persoal especializado.

Os seis primeiros clasificados de cada categoría recibiron, ademais de trofeos, premios en metálico que ían dende os 50 euros para o sexto posto ata os 300 euros para os gañadores absolutos masculino e feminino.

Gañadores e gañadoras por categoría:

  • Proba absoluta: Paula Otero e Mario Martínez lograron o ouro, seguidos de Noa Borrazás e Inés Mourenza na categoría feminina, e Miguel Martínez e Jorge Souto na masculina.
  • Categoría A e B feminina: Rita Tubío acadou o primeiro posto, con Iraide Cebey e Aína Pla completando o podio. Na masculina, Adrán Fernández levouse o ouro, seguido de Mauro Borrazás e Mateo Castelo.
  • Categoría C: Laura Canalda e Pedro Suárez foron os gañadores, mentres que Carlota Gil e Breixo Cao acadaron a prata, e Antón López e Jimena Páramo foron terceiros.
  • Categoría D: María Vázquez e Xoel Cubeiro foron os gañadores, seguidos de Marta Couceiro e Catalina Ínsua na feminina, e Xosé González e Antón Cillero na masculina.
  • Categoría E: Paula Otero, Ana Veiga e Ana Pérez ocuparon os primeiros postos na categoría feminina, mentres que Miguel Martínez, Antón Ares e Mario Méndez fixeron o propio na masculina.
  • Categoría F: Lucía Armesto e Gerardo Collazo acadaron o primeiro posto, seguidos de Isaura Castro e Óscar Guirado no segundo, e Luciana Martínez e Héctor Pérez no terceiro.
  • Categoría G: Na modalidade feminina, Maite García, María del Mar Terceiro e Cristina García foron as vencedoras, mentres que Antonio Rivas, José García e Gonzalo Couceiro destacaron na masculina.

Advertencia sobre as Carabelas Portuguesas

Durante a mañá, detectáronse varios exemplares de carabelas portuguesas na praia de Santo Amaro e noutras praias da cidade. O Concello procedeu á súa retirada e á limpeza dos areais, recomendando aos bañistas atender ás indicacións dos socorristas. Polo momento, non está previsto o peche das praias.

0.18963384628296