Arrancan os clubs de lectura nas bibliotecas municipais de Culleredo
Os clubs de lectura do curso 2024/2025 das bibliotecas municipais de Culleredo comezaron esta última semana, con tres sesións iniciais que se celebraron nas bibliotecas Miguel González Garcés de O Burgo e Xosé Cardeso Liñares de Vilaboa.
A sesión inaugural tivo lugar o martes 8 de outubro na biblioteca de O Burgo, en horario matutino, de 11:00 a 12:30 horas, mentres que as primeiras sesións en horario de tarde celebráronse o xoves 10 de outubro e o luns 14, na mesma biblioteca e en Vilaboa, respectivamente, de 17:00 a 18:30 horas. Estes horarios manteranse ao longo do curso nas sesións seguintes.
Os clubs de lectura contarán con tres encontros mensuais: unha sesión matutina un martes ao mes na biblioteca Miguel González Garcés e dúas sesións vespertinas, unha os luns tamén en O Burgo e outra os xoves na biblioteca de Vilaboa.
Esta iniciativa do Concello de Culleredo ten como obxectivo promover o hábito da lectura entre persoas de todas as idades, ofrecendo un espazo cultural onde a veciñanza se poida reunir para compartir o gusto pola lectura e fomentar o aprendizaxe colectivo nun ambiente enriquecedor. As bibliotecas municipais consolídanse así como un punto de encontro ideal para cultivar a cultura na comunidade.