Arrancan as obras da rede ferroviaria interior no Porto Exterior da Coruña

ACoruñaXa
O Porto Exterior da Coruña deu hoxe un paso importante na mellora das súas infraestruturas ferroviarias coa posta en marcha das obras da rede interior en Punta Langosteira.
Obras Puerto Exterior Coruña
6 Nov 2024

O Porto Exterior da Coruña deu hoxe un paso importante na mellora das súas infraestruturas ferroviarias coa posta en marcha das obras da rede interior en Punta Langosteira. No acto estiveron presentes o delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e os alcaldes de Arteixo, Carlos Calvelo, e A Coruña, Inés Rey.

Pedro Blanco destacou que o investimento total no Porto Exterior ascende a 165 millóns de euros, financiados polo Plan de Recuperación e os fondos Next Generation da Unión Europea. "Estas obras reforzan a intermodalidade e aseguran o futuro económico e loxístico da comarca da Coruña", afirmou Blanco, subliñando que os traballos conectarán o porto co Eixo Atlántico ferroviario.

As obras inclúen a construción de túneles e outras infraestruturas, nos que xa se trasladaron oito toneladas de material este ano, demostrando o compromiso de avanzar rapidamente. Pola súa banda, o alcalde de Arteixo, Carlos Calvelo, manifestou as preocupacións da veciñanza polas molestias ocasionadas, e reclamou que se eviten "chapuzas" como as que, segundo el, afectaron a proxectos previos, como a autovía e os plans para trasladar a estación de San Diego a Uxes, cualificados como unha "idea de bombeiros", ao tempo que Alfonso Rueda apuntou á relevancia deste proxecto para o impulso económico de toda a rexión.

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey subliñou o papel clave da colaboración entre administracións para a consecución do enlace ferroviairo do Porto Exterior: "Cando traballamos xuntos, podemos converter proxectos en realidades". Nese marco, a rexedora salientou o traballo conxunto para redefinir a fachada marítima da cidade coa sinatura do protocolo Coruña Marítima. “Quen me coñece sabe que concibo o entendemento como a principal ferramenta política. Con esa premisa lideramos o desbloqueo do acceso ferroviario ao Porto Exterior no 2021 e acabamos de asinar o protocolo Coruña Marítima para adaptar os terreos portuarios interiores á nova realidade social como espazo público”, completou Rey.

A intervención potenciará o transporte de graneis sólidos e líquidos, facilitando o asentamento de novas empresas e proxectos en sectores clave como as enerxías renovables e a tecnoloxía offshore. Rey destacou que “o hidróxeno verde poderá converterse no verdadeiro petróleo galego” a través de empresas como Fisterra Energy, Enerfin, Navantia, Acciona ou Ferrovial para liderar esta transformación. “Estamos construíndo o futuro que queremos para A Coruña e Galicia” aseverou. Así mesmo, agradeceu o apoio económico do Goberno de España a través dos fondos Next Generation da Unión Europea, tanto no acceso ferroviario como nas obras iniciadas para a mellora da conectividade da dársena coa rede ferroviaria xeral.

0.14144706726074